Os países de ingresos altos gardan centos de millóns de vacinas de mpox

Vacinación na R.D. do Congo. (Foto: Shi Yu / Europa Press / Contacto)
África precisa apenas unha pequena fracción.

Case un mes despois da declaración por parte da Organización Mundial da Saúde (OMS) dunha emerxencia sanitaria internacional polo gromo de mpox concentrado en África, apenas chegou ao continente unha mínima parte das entre 18 e 22 millóns de doses de vacinas que os Centros para o Control e a Prevención de Doenzas africanos estimaron son precisas para vacinar 10 millóns de persoas en seis meses, e as promesas da comunidade internacional non alcanzan os catro millóns de doses, todo isto a pesar de que países de ingresos altos como os Estados Unidos, o Xapón ou o Canadá teñen almacenadas “varios centos de millóns de doses”, desvelou a quinta feira a axencia Reuters.

“As vacinas son inútiles nos andeis” e non se trata dunha “cuestión técnica, é política”, afirmou Maria Van Kerkhove, que lidera de forma provisoria o departamento de prevención de pandemias e epidemias da OMS. “Por que non íamos entregalas ás persoas que as necesitan agora mesmo?”, incidiu.

A realidade é que as primeiras vacinas só chegaron á República Democrática do Congo, o epicentro das máis de 37.000 infeccións e 1.450 mortes ao longo de 14 países africanos, tres semanas despois da declaración da emerxencia, cunha partida de 100.000 doses.

Prevese que a comezos de outubro dea inicio unha primeira campaña de vacinación con 265.000 doses, porén, “se tiveramos máis doses antes poderíamos ter preparado unha campaña a grande escala e reducir a transmisión”, apuntou Cris Kacita, responsábel da resposta á infección no país.

Só o Xapón conta con arredor de 200 millóns de doses, sinala un documento de 2022, asemade, “moitos países ricos negáronse a dicir cantas vacinas teñen alegando razóns de seguridade nacional”, subliña a axencia, que detalla que o composto foi almacenado polo temor a un rexurdimento da varíola, a única doenza humana erradicada, segundo certificou en 1979 a OMS.

No caso dos Estados Unidos, Peter Maybarduk, do grupo de defensa das persoas consumidoras Public Citizen, estimou en base ás declaracións oficiais que como pouco terán arredor de 100 millóns de doses.

Un voceiro dos equipos dos Centros para o Control e a Prevención de Doenzas africanos na República Democrática do Congo remarcou que o prezo dalgunhas das vacinas pode alcanzar 135 euros por persoa coa pauta completa, algo “inaccesíbel para a maioría dos países africanos”, polo que as vacinas doadas “son aínda máis importantes”.