Aplausos unionistas a Joan Coscubiela

O Parlament aproba a lei fundacional da República co voto en contra de Catalunya sí que es pot

Joan Coscubiela, aplaudido polos parlamentares, postos en pé, de Cs

Puigdemont afirma en TV3 que o Govern non vai obedecer a instrución do Tribunal Constitucional e que o referendo, suspendido pola instancia xudicial española, continúa avante. Esta madrugada, por volta da unha da mañá, o Parlament aprobou a Lei de Transitoriedade e fundacional da República catalá cos votos a favor de JxSí e a CUP, a oposición de Catalunya sí que es Pot e o abandono dos seus escanos á hora de votar de PP, PSC e Cs.

A Lei de Transitoriedade e fundacional da República catalá entrará en vigor só se o SI á independencia se impón no referendo de autodeterminación axendado pola Generalitat para o 1 de Outubro, consulta sobre a que desde esta quinta feira pesa unha orde de suspensión decretada polo Tribunal Constitucional. Onte, o presidente da Generalitat deixou claro, nunha entrevista en TV3, que o Govern non se sente vinculado por esta decisión do TC.

 

No caso de que finalmente o NON vencese o SI no referendo, a Lei de Transitoriedade ficaría imediatamente anulada e, a seguir, o Govern disolvería o Parlament e convocaría novas eleccións á cámara catalá.

 

O debate da Lei de Transitoriedade -norma que conxuntamente coa do Referendo constitúe o bloco legal da desconexión de Catalunya co Estado- estivo marcado pola tensión, unha especie de remake do ambiente vivido a pasada cuarta feira no Parlament. Por volta das 10 horas, as bancadas independentistas demandaron a alteración da orde do día para introducir a lei no debate. A oposición unionista atrapallou a discusión apelando aos recovecos máis recónditos do regulamentoco propósito evidente de entorpecer, e tornar máis lenta posíbel, a tramitación da norma. Esta comezou a ser formalmente debatida pasada a medianoite e aprobada por volta da unha da mañá.

 

A votación final reproduciu as posicións da pasada cuarta feira cunha soa excepción: Catalunya sí que es Pot pasou da abstención á Lei do Referendo á oposición á Lei de Transitoriedade. Nese sentido, foi moi rechamante ver como desde as bancadas unionistas -PP, PSC e Cs- se aplaudía a intervención do portavoz da confluencia, Joan Coscubiela

 

O que argumentou Coscubiela, para xustificar o voto negativo de CSQEP, é que o bloco independentista, liquidaron en "48 negras horas" o "capital político" da institucións catalás, para alén de entregar ao PP "a bandeira da democracia". A resposta das bancadas soberanistas veu da man do parlamentar de JxSí Jordi Orobitg, quen acusou Coscubiela de "ter pasado do politburó a ser aplaudido pola direita máis reaccionaria de Europa".