O partido de extrema dereita alemán AfD gañaría as eleccións no Estado de Turinxia

Camisola co lema "Alemaña primeiro" nun mitin da AfD. (Foto: Nós Diario)

Unha enquisa a pé de urna sitúa en primeira posición a formación ultradereitista, algo que non acontecía desde que o país foi derrotado na Segunda Guerra Mundial cando a ultradereita de Adolf Hitler dirixía o Goberno.

O partido conservador Unión Demócrata Cristiá (CDU) foi o gañador das eleccións estatais de Saxonia cun 31,5% de apoio, lixeiramente por riba da extrema dereita, actualmente concentrada na Alternativa para Alemania (AfD, 30%), mentres que a formación ultradereitista foi a máis votada en Turinxia (30,5%), algo que non acontecera desde que o país foi derrotado na Segunda Guerra Mundial cando a ultradereita de Adolf Hitler dirixía o Goberno. A CDU ficaría en segunda posición (24,5%), segundo unha sondaxe a pé de urna.

O estudo de Infratest Dimap para a televisión pública ARD sitúa así a CDU por baixo do seu resultado de 2019 (32,1%), en contraste con AfD, que ascende (27,5% en 2019).

Por detrás en ambos os Estados sitúase a Alianza Sahra Wagenknecht-Pola Razón e a Xustiza (BSW), unha formación cun discurso que abarca desde a política económica comunista até a retórica antiinmigración propia da AfD. En Saxonia lograría un 12% de votos, mentres que en Turinxia faríase cun 16%, sempre segundo a enquisa a pé de urna á espera dos resultados oficiais.

En Saxonia a cuarta posición é para o Partido Socialdemócrata (SPD, 8,5%), seguido dos Verdes (5,5%, máis de tres puntos menos que hai cinco anos). A Esquerda (Die Linke, 4%) quedaría fóra do parlamento estatal.

En Turinxia a cuarta praza é para o Die Linke, cun 12,5% de votos, moi lonxe do 31% de 2019, cando foi primeira forza política. O SPD lograría un 7% (8,2% en 2019) e os Verdes quedan sen representación cun 4%, por baixo do 5% mínimo.

De confirmarse estes datos, a CDU obtería, como en 2019, o seu peor resultado histórico desde 1990 en Saxonia, aínda que non parece perigar o seu Goberno, que mantén precisamente desde a reunificación alemá. O candidato da CDU, Michael Kretschmer, é o primeiro ministro do Estado desde 2017, primeiro en coalición co SPD e desde 2019 incorporando tamén os Verdes.

Reaccións

En Turinxia, o candidato da CDU, Mario Voigt, reivindicou xa as súas opcións de formar goberno. “Nós, como CDU, tamén vemos isto como unha oportunidade para un cambio político baixo a dirección da CDU”, declarou Voigt desde Erfurt.

Tamén o secretario xeral da CDU, Carsten Linnemann, referiuse ás eleccións estatais en Turinxia e Saxonia e prometeu que non haberá coalición coa AfD. “Somos moi, moicclaros con iso”, subliñou antes de defender a necesidade de chegar a acordos “cara o centro”, segundo recolle a televisión pública alemá.

Non obstante, o colíder de AfD Tino Chrupalla reivindicou o seu dereito a gobernar por ser a forza máis votada en Turinxia. “A vontade dos votantes é que haxa un cambio político aquí, en Saxonia, e tamén en Turinxia”, declarou Chrupalla na televisión ZDF.

A colíder de AfD, Alice Weidel, destacou o “éxito histórico” das eleccións. “Somos a forza máis votada no Estado por primeira vez [en Turinxia]. En Saxonia tamén AfD terá os mellores resultados”, segundo Weidel, que considera estes resultados “un castigo para a coalición semáforo” que goberna a nivel federal.

“É un réquiem para esta coalición. Deberían preguntarse se poden seguir gobernando”, argumentou antes de defender a necesidade de convocatoria de eleccións anticipadas.