Un sector do Partido Laborista escocés enceta a campaña polo 'si' á independencia

[Imaxe: Laboristas pola Independencia]

A finais de xaneiro arrincarán os actos nas principais cidades do país onde membros do Labour se apoiarán no movemento obreiro para defender a independencia como "unha oportunidade para mellorar a vida de todos os escoceses"


Dirixentes do Partido Laborista escocés puxeron en marcha unha campaña polo 'si' ao referendo a través da organización Laboristas pola Independencia. O seu voceiro, Allan Grogan, defende que votar en prol da independencia é "unha oportunidade de mellorar a vida de todos os escoceses" que queda de manifesto, segundo sinala, co "forte apoio" que a formación ten no movemento obreiro. 

Grogan fundou Laboristas pola Independencia en 2012 para aglutinar a integrantes e simpatizantes do partido após as frustracións nas bases desta formación porque non se daba un apoio explícito ao 'si'. En novembro dese mesmo ano realizouse o primeiro evento públcio na universidade de Glasgow e agora encetarán unha serie de actos nas principais cidades escocesas para completar a campaña de cara ao referendo do 18 de setembro. 

A primeira será o 23 de xaneiro en Glasgow, con dirixentes do partido e dirixentes da loita obreira e coa presentación da independencia como oportunidade para facer de Escocia unha nación máis xusta e igualitaria. Entre as persoas que falarán estará Allan Grogan; Sir Charles Gray, ex líder do Consello rexional de Strathclyde; Jeane Freeman, ex asesor especial de Jack McConnell; Deborah Waters, número dous do partido laborista pola independencia e integrante do partido laborista; e Bob Thomson, un ex presidente do partido laborista escocés, quen falará sobre os beneficios do modelo da Commonwealth en Escocia. Un dos últimos en apoiar o traballo de independencia foi John Mulvey, ex líder do Consello rexional Lothian.