"Unha performance ridícula": o PSOE exixe ao PP "explicacións inmediatas" de quen pagou a viaxe da súa delegación a Venezuela

Delegación do PP que viaxou a Venezuela (Foto: Nós Diario).
Os representantes do PP non formaban parte de ningunha delegación de ningunha institución, e foran comunicados que non contaban co permiso para constituírse como observadores por decisión propia, lembrou o PSOE.

O PSOE exixiu este domingo ao PP "explicacións inmediatas" de quen pagou a viaxe dunha delegación dos seus parlamentarios a Venezuela para estar presentes durante as eleccións presidenciais venezolanas, algo que cualificou de "show".

"Asistimos a unha rápida viaxe de ida e volta a Caracas de varios membros do PP", explica o PSOE nun fío en referencia á viaxe de nove membros do PP aos que as autoridades do Estado latinoamericano impediron saír do aeroporto de Caracas a sexta feira, enviándoos nun avión de volta a Madrid unhas horas máis tarde.

"A pesar de que Venezuela se atopa inmersa nun proceso electoral no que xa hai no país centos de observadores internacionais debidamente acreditados de diferentes países, estes cargos do PP decidiron subirse ao avión, sabendo que non contaban coa autorización adecuada, para realizar unha performance ridícula e ter que volver no seguinte voo", sinala o PSOE.

A formación que lidera Pedro Sánchez subliña que unha vez "pasado o bochorno dos vídeos subidos a redes sociais por estes cargos e a triste imaxe que ofreceron, queda saber como se pagaron todos e cada un dos billetes de avión, e se algún deles foi sufragado con diñeiro público".

"O diñeiro dos impostos de todos os españois non está ao dispor do PP para as súas viaxes particulares", resalta o PSOE, que lembra que os representantes do PP non formaban parte de ningunha delegación de ningunha institución española, e foran comunicados que non contaban co permiso para constituírse como observadores por decisión propia.

"Se as viaxes destes cargos do PP foron sufragadas con diñeiro público, estariamos ante unha utilización espuria dos impostos de todos para unha absurda fotografía no aeroporto de Caracas. Unha imaxe que pode saír moi cara ás arcas públicas", engade o PSOE.

Por iso, a formación socialista reclama ao Partido Popular "explicacións inmediatas, os xustificantes de pago e que o PP constate, sen deixar lugar á dúbida, que non usou diñeiro público nesta viaxe a ningunha parte".