CONTINÚA O MASACRE DE KOBANE

O PKK avoga por afondar no proceso de paz ante o incremento da tensión con Ankara

Curdistán

Os enfrontamentos entre policías turcos e manifestantes curdos que denunciaban o abandono de Kobane perante o EI deixan unha trintena de falecid@s.

 

Abdullah Ocalan, o encarcerado líder do PKK (Partido dos Traballadores do Curdistán), aposta por acelerar o proceso de paz con Turquía após os últimos acontecementos, nos que faleceron 30 manifestantes curdos pola acción das forzas de seguridade turcas.

“Tivemos a oportunidade de intercambiar mensaxes con Ocalan, e pediu que todas as partes aceleren o diálogo ante o perigo das provocacións e os masacres”, manifestou S. Demirtas, co-presidente do Partido Democrático do Pobo (HDP).

Dermitas lembrou que as manifestacións e mobilizacións foron convocadas para expresar o apoio aos e ás curdas de Kobane perante o asedio ao que os somete o Estado Islámico, para denunciar o abandono da comunidade internacional e as responsabilidades de Ankara. “Eran protestos pacíficos, sen saqueos, nin violencia, nin destrución...” mais a reacción das forzas de seguridade provocou feridos e mortos.

Desde o comezo do asalto dos yihadistas a Kobane (a segunda feira) cercaron Kobane polo sur, este e oeste. Polo norte, limita coa fronteira turca. A pasividade de Ankara para facer fronte ao Estado Islámico xerou a indignación dos e das curdas, que protagonizaron unha vaga de protestos e mobilizacións en todo o mundo, fortemente reprimidas en Turquía.