O PLD elixe Ishiba como líder e novo primeiro ministro do Xapón a partir da vindeira semana

Sobre a mesa unha versión asiática da OTAN.
O futuro primeiro ministro xaponés, Shigeru Ishiba, a sexta feira. (Foto: Pool / ZUMA Press Wire / DPA vía Europa Press)
photo_camera O futuro primeiro ministro xaponés, Shigeru Ishiba, a sexta feira. (Foto: Pool / ZUMA Press Wire / DPA vía Europa Press)

O Partido Liberal Democrático (PLD), que lidera o Goberno do Xapón, elixiu a sexta feira o ex ministro de Defensa Shigeru Ishiba como novo líder en substitución do primeiro ministro Fumio Kishida, que anunciara que non optaría a recuncar á fronte da forza conservadora.

Está previsto que a vindeira semana Ishiba tamén substitúa Kishida como primeiro ministro, tratando de superar o impacto causado por sucesivos escándalos de corrupción na formación, que goberna case ininterrompidamente o país asiático desde a fin da Segunda Guerra Mundial.

Polo xeral, tras un cambio de primeiro ministro o novo líder convoca eleccións xerais unhas semanas despois para intentar aglutinar o electorado arredor do PLD antes de que a súa acción de Goberno comece a restarlle apoios.

Ishiba defende crear unha versión asiática da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), a alianza militar controlada polos Estados Unidos, e fixo énfase onte na necesidade de conformar unha “conexión orgánica” coas alianzas lideradas por Washington na rexión.

Comentarios