Policía francesa reprime con gases lacrimóxenos unha manifestación antifascista en Nantes

Un momento do confronto recollido polas cámaras de Russia Today

Unha marcha convocada en protesto pola próxima visita a Nantes de Marine Le Pen -oferecerá un mitin este domingo- resultou nunha batalla campal nas rúas da cidade. 

A esquerda anti-fascista francesa está disposta a dar a batalla nas rúas para impedir a chegada de Marine Le Pen ao Eliseo. Iso é o que cabe deducir do duro confronto nas rúas entre unha marcha de manifestantes con simboloxía anarquista e comunista e as forzas policiais. Non fica moi claro quen provocou o confronto. Aparatos incendiarios foron arrebolados desde a marcha até o destacamento policial que respondeu con inusitada violencia, canóns de auga e gases lacrimóxenos incluídos.

Segundo o correspondente de Russia Today que cubría a marcha, centos de manifestantes corearon o berro "Tout le monde déteste la police" mentres se producía o confronto.

"O fascismo non pasará" foi unha das palabras de orde do protesto, que, segundo meios franceses, deu reunido por volta de 2.200 persoas, que expresaron o seu apoio ás persoas inmigrantes -no albo de Le Pen- e, cos seus berros, descualificaron a Fronte Nacional por o considerar o brazo política da patronal.

O maior continxente dos manifestantes -arredor de 800- pertencerían a grupos anarquistas, segundo a versión policial oferecida ao rotativo Le Monde.