Portugal declara o estado de "calamidade": un cento de fogos activos e máis de 62.000 hectáreas calcinadas

Un home loita contra o lume na rexión de Aveiro. (Foto: iogo Baptista / Zuma Press / ContactoPhoto)
Hai 50 concellos en risco máximo de incendio e oito persoas detidas relacionadas cos fogos mais graves declarados desde o domingo.

Portugal amenceu de novo exhausto e cuberto de fume, con máis de 5.000 efectivos sobre o terreo para tratar de extinguir as o cento de incendios forestais que asolan o territorio. De todos os focos activos, adianta a prensa lusa, so unha trintena son "significativos".

A noite foi "infernal" para os bombeiros que enfrontan as lapas sobre o terreo, avivadas polo vento intenso. A temperatura tampouco vai axudar ao longo da xornada. Máis de 50 concellos de nove distritos están en perigo máximo de incendio debido ao "tempo seco e quente", sinalou o Instituto Portugués do Mar e da Atmosfera. Son os distritos de Faro, Portalegre, Santarém, Castelo Branco, Leiría, Coímbra, Garda, Braga e Bragança, onde alcanzarán temperaturas próximas e superiores aos 30 graos.

Máis de 60 mil hectáreas arrasadas

Segundo informa a Axencia Lusa, a superficie calcinada polo lume en Portugal desde o pasado domingo supera as 62.000, de acordo cos datos que ofrece o sistema europeo Copernicus, que mostra que nas rexións Norte e Centro, atinxida polos incendios desde o fin de semana, xa arderon 47.376 hectáreas.

As zonas máis afectadas localízanse na rexión de Aveiro, Tâmega e Sousa e Viseu Dan Lafões, que suman 47.376 hectáreas ardidas, 75% da área total do territorio. De acordo co sistema Copernicus, que recorre a imaxes de satélite, a contabilización do total de área ardida desde domingo chega a 62.646 hectáreas.

Estado de calamidade

Por outra parte o primeiro ministro garante "man dura" para "os criminais" que están na orixe dos incendios. Luís Montenegro declarou esta terza feira que "hai coincidencias de máis" e apunta a creación dun equipo para afondar a investigación criminal sobre as causas dos incendios. Xa hai oito persoas detidas relacionadas coa orixe dos fogos.

Ademais, o goberno decidiu declarar o estado de calamidade en todos os municipios afectados polos incendios. O primeiro ministro afirmou que desta forma vai ser posíbel "ofrecer o apoio máis inmediato e urxente, ofrecer aloxamento para aqueles que ficaron sen casa”, axudar tamén con roupa e alimentación a quen perdeu todo".

Tras un Consello de Ministros extraordinario, ao que asistiu o presidente da República, Marcelo Rebelo de Sousa tivo un recordo para as sete persoas mortas durante os incendios, catro bombeiros e tres civís, máis para todas as persoas feridas.