O PP pretende intimidar Roger Torrent: "Ten dous fillos e sabe a que aterse"

Roger Torrent

Tensión e incerteza nas horas previas do pleno de investidura de Carles Puigdemont, axendado para esta terza feira ás 15 horas.

A presión do PP sobre Roger Torrent, presidente do Parlament, está a ser brutal nas últimas horas. Ou por vía do anonimato -fontes do partido que detenta o goberno estatal advertiron que o titular da cámara catalá "ten dous fillos e sabe a que se ater"- ou a cara descuberta: "Que Forcadell [anterior presidenta] lle explique por que se asustou [non quixo continuar no cargo no comezo desta lexislatura]", chegou a dicer en conferencia de impresa esta segunda feira Pablo Casado, portavoz do partido e un dos nomes que -con Feijóo e Cristina Cifuentes- aparecen nas apostas como eventual sucesor de Rajoy.

 

O certo é que todos os ollos están postos en Roger Torrent e no que faga, canda os integrantes da Mesa do Parlament,  no pleno que está axendado para esta terza feira ás 15 horas.

 

Xuristas consultados por La Vanguardia indican que esta terza feira Torrent ten perante si basicamente tres opcións.

 

  • A primeira, a de non tomar en consideración a resolución deste sábado do Tribunal Constitucional co argumento de que finalmente non adoptou ningún acordo sobre a admisión ou non a trámite do recurso do Goberno (en realidade, adiou a decisión ao abrir un prazo de 10 días para as partes apresentaren alegacións). Por tanto, as medidas cautelares -a prohibición da investidura telemática e da delegación de voto, a autorización xudicial como requisito para a investidura presencial- serían nulas ao non se ter tomado ningún acordo sobre a petición do Goberno. 
  • A segunda das opcións é pospor a realización do pleno até que o TC finalmente se pronuncie sobre o recurso.
  • A terceira das opcións é dar comezo ao pleno e, a seguir, suspender a sesión até coñecer a resolución definitiva do Tribunal Constitucional.

 

Esta segunda feira, e desmentindo afirmacións anteriores provenientes da súa contorna, o avogado de Puigdemont deixou claro que o president eleito non vai pedir a autorización xudicial a Llarena para asistir ao pleno desta terza feira. E non o van facer porque non lle ven recorrido a ese movimento: o probábel é que, de o facer, Puigdemont tivese que comparecer perante o maxistrado antes da investidura, a asumir o risco de ser detido e encarcerado antes de ter a oportunidade de pisar o Parlament.

 

No canto de demandar a autorización xudicial, Puigdemont optou por pedir amparo ao president do Parlament por meio dun escrito en que pon en evidencia que, na súa calidade de deputado eleito, goza de inmunidade parlamentar e non pode ser detido se non é en flagrante delito.

 

Puigdemont esclarece que na súa calidade de deputado eleito, goza de inmunidade parlamentar e non pode ser detido se non é en flagrante delito

 

E mentres tanto, o independentismo moveu fichas no taboleiro para garantir a súa maioría absoluta, comprometida pola situación de varios dos seus parlamentares eleitos. Esta segunda feira sóubose que renuncian aos seus escanos tres dos catro ex consellers que acompañan Puigdemont no exilio: Meritxell Serret (ERC), Clara Ponsatí Lluís Puig i Gordi (PDeCat). Só serían inhábeis a efeitos de votación o candidato a president e o ex conseller Toni Comín (ERC), ao non teren demitido como parlamentares. Os presos de Estremera -Oriol Junqueras, Joaquim Forn e Jordi Sànchez- si poderán participar na investidura ao ter autorizado o xuíz Llarena a delegación do seu voto, non así a súa presenza na cámara. 

 

Coas renuncias de Serret, Ponsatí e Puig -substituídos por outros tres parlamentares, ao correr as listas respectivas- o bloco independentista conserva 68 votos, isto é, a maioría absoluta na Cámara. Con ela podería eventualmente forzar unha votación  -primeiro na Mesa, logo no Pleno- que investise Puigdemont, embora non estivese fisicamente presente na Cámara. Nesa eventualidade é seguro que o TC declararía nulo o pleno e que fiscalía se querelaría contra Torrent e o resto de integrantes do órgao de goberno do Parlament.