O máis probábel é que o líder morado fique fóra do gabinete

A presenza de Iglesias no Consello de Ministros, a clave das negociacións Podemos-PSOE

Sánchez e Iglesias nun encontro durante a pasada lexislatura

As conversas teñen un certo ar de escenificación de partida de póker de final incerto, mais a clave está en se Iglesias fará parte ou non do "goberno de cooperación", a fórmula eufemismo acuñada pola fábrica Iván Redondo, o spin doctor de Sánchez, para se referir ao que en todo o orbe político se denomina goberno de coalición.

Na primeira das reunións non públicas entre Pedro Sánchez e Pablo Iglesias, o secretario xeral do PSOE e aspirante a unha nova investidura como presidente do goberno tería oferecido ao líder de Podemos a presenza de dirixentes da formación morada na estrutura de goberno, mais non no consello de ministros.

Isto é, si podería haber secretarios de Estado (dependentes de ministros do PSOE) mais non figuras de Podemos no gabinete presidido por Pedro Sänchez.

Esa sería a posición de partida do PSOE no comezo dunhas negociacións que se prevén relativamente longas (relativamente porque algunhas fontes apuntan que a primeira sesión de investidura podería producirse na primeria metade do mes de xullo). O PSOE tería movido ficha sobre a súa formulación inicial, aquela da composición dun goberno socialista con presenza de independentes progresistas. Ferraz agora si estaría disposto a que Podemos fixese parte do poder executivo, embora de níveis inferiores ao do Consello de Ministros.

A posición de partida de Podemos é que o goberno de cooperación é un goberno de coalición e que, por tanto, debe estar constituído por membros de ambos partidos en todas as esferas, tamén no Consello de Ministros. E sen vetos, o que supón que Iglesias debería estar tamén no gabinete. E sen se pór teito, o que supón que a formación morada non renunciaría de entrada a unha vicepresidencia para o seu líder.

Ferraz agora si estaría disposto a que Podemos fixese parte do poder executivo, embora de níveis inferiores ao do Consello de Ministros.

"As posicións están moi afastadas", dixeron aos medios fontes de Ferraz.

Aparentemente si, mais o PSOE continúa a enarborar o discurso de que Podemos é o seu "socio preferente" e, dada a oposición de Cs e PP a facilitar a investidura de Sánchez, o partido socialista non ten alternativa distinta á de viabilizar o "goberno de cooperación", que se podería salvar na cámara coa abstención de ERC ou Bildu.

Cal podería ser a síntese? O punto de encontro pode ser a entrada de ministros de Podemos no gabinete —hipótese non desbotada no seu día por José Luis Ábalos, secretario de Organización do PSOE— sen que entre eles figure Pablo Iglesias. Serían en todo caso dirixentes moi da órbita do líder morado. En sectores da autodenominada esquerda transformadora non se ve mal este escenario. "Se o goberno vai ben, no futuro podería incorporarse Pablo. E se vai mal, Pablo preservaríase do hipotético desgaste", afirman.