A presidenta electa de México explica que non se convidou Felipe VI porque non pediu desculpas pola colonización

Claudia Sheinbaum. (Foto: Europa Press)

O monarca español non respondeu á carta que lle enviou o actual dirixente do país, Andrés Manuel López Obrador, na que reclamaba unha desculpa pública polo pasado colonial.

O monarca español non respondeu á carta que lle enviou o actual dirixente do país, Andrés Manuel López Obrador, na que reclamaba unha desculpa pública polo pasado colonial.

A presidenta electa de México, Claudia Sheinbaum, explicou que convidou o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e non Felipe VI, á súa investidura o primeiro de outubro porque o monarca español non respondeu á carta que lle remitira o actual líder, Andrés Manuel López Obrador, esixindo ao Estado español desculpas públicas polo pasado colonial.

Estas foron as explicacións de Sheinbaum tras o anuncio do Ministerio de Asuntos Exteriores español, que dixo que non participaría na súa toma de posesión porque Felipe VI non fora convidado.

A presidenta electa lembrou que en marzo de 2019 López Obrador enviou unha carta ao rei español na que, con motivo dos 200 anos de independencia que se conmemorarán en 2021, pensaba organizar unha cerimonia conxunta ao máis alto nivel e pedía que o Estado español "expresase pública e oficialmente o recoñecemento dos agravios causados" durante a época colonial.

Así mesmo, propuxo que os dous estados se puxxesen de acordo e redactasen un relato compartido, socializando publicamente da súa historia común con vistas a iniciar unha nova etapa na relación.

Con todo, a carta non foi contestada. "Lamentabelmente, esta carta non mereceu unha resposta directa, como correspondería á mellor práctica diplomática das relacións bilaterais", lamentou a presidenta electa, quen criticou que o contido da carta se filtrase á prensa e que incluso o Ministerio de Asuntos Exteriores español publicou un comunicado no que rexeitaba o seu contido.

Tras lembrar a sólida relación de amizade, con importantes vínculos económicos, turísticos e culturais entre ambos os países e que México foi un "xeneroso destino para moitos republicanos españois" durante a guerra de 1936-1939, Sheinbaum defende que a relación bilateral se beneficiaría dunha perspectiva histórica renovada, “de acordo co desenvolvemento dos nosos pobos e na que o recoñecemento integral das nosas identidades sexa o eixo dunha relación respectuosa, sólida e fecunda”.