A primeira ministra de Bangladesh fuxe do país despois das protestas estudantís e arredor de 300 mortes

Protesta en Bangladesh o domingo. (Foto: Joy Saha / ZUMA Press Wire / DPA vía Europa Press)
Os militares anuncian a formación dun Executivo provisorio.

Tras varias semanas de mobilizacións estudantís, que sufriron a represión das forzas de seguridade, que desencadeou arredor de 300 mortes, a primeira ministra de Bangladesh desde 2009, Sheikh Hasina -que xa ocupara o cargo entre 1996 e 2001-, dimitiu e fuxiu a segunda feira en dirección á India.

Unha fonte achegada a Hasina sinalou á axencia AFP que “quería gravar un discurso, mais non tivo a oportunidade de facelo”. Nese momento milleiros de persoas se concentraban fronte á residencia oficial da primeira ministra, que foi asaltada ao coñecerse a súa fuxida.

A noite anterior o Executivo anunciara o toque de recoller logo de que se rexistrara a morte de máis de 90 persoas na xornada, entre eles 14 axentes de Policía, ao reactivarse as mobilizacións, xa convertidas en disturbios, e no contexto dos que foi atacada unha comisaría ou asasinados integrantes da progresista Liga Awami, a formación de Hasina.

Goberno provisorio

O líder do Exército, Waker Uz Zaman, anunciou a formación dun Goberno provisorio após conversas co liderado “de todos os principais partidos”. Asemade, salientou que se xulgará os “asasinos” e responsábeis das “inxustizas” contra o estudantado, que rexeitou o Goberno militar.

A última fase das protestas exixía a dimisión de Hasina logo de que as manifestacións comezaran pola decisión da Xustiza de reinstaurar unha cota de 30% nos empregos públicos para descendentes de membros do movemento pola liberación nacional de Bangladesh.

Sexa como for, Reaz Ahmad, editor do xornal Dhaka Tribune, atribúe a situación a un intento de “axustar contas na rúa” entre a forza de Hasina e o conservador Partido Nacionalista.