O primeiro ministro eslovaco está estábel mais "moi grave" tras unha nova operación

Robert Kalinák, viceprimeiro ministro eslovaco, a quinta feira. (Foto: Pavel Neubauer / TASR / DPA vía Europa Press)
Fico está consciente e atópase na unidade de coidados intensivos.

“Vexo que hai avances”, “segue a estar moi grave pero para min é esperanzador”, sinalou a sexta feira Robert Kalinák, viceprimeiro ministro eslovaco e titular de Defensa, despois de explicar que o primeiro ministro progresista Robert Fico, que sufriu a cuarta feira un intento de asasinato, foi operado de novo ao longo de dúas horas.

A directora do hospital en Banská Bystrica -a máis de 200 km da capital, Bratislava- no que está sendo tratado, Miriam Lapunikova, aclarou que eliminaron o tecido morto a raíz das feridas causadas polos tres disparos que recibiu, así como que está consciente e estábel na unidade de coidados intensivos. Após o ataque, xa fora operado de urxencia durante cinco horas.

“Levaranos varios días máis saber definitivamente cara a onde vai” a situación, aseverou Kalinák, indicando que até que a súa condición mellore non se tomará unha decisión arredor do traslado de Fico á capital.

O autor dos disparos, Juraj Cintula, acompañou as forzas de seguridade nun rexistro no seu domicilio en Levice, no oeste eslovaco.