O PSD volve gañar na Madeira mais co peor resultado da súa historia tras un escándalo de corrupción

O presidente madeirense e candidato do PSD, Miguel Albuquerque. (Foto: Nós Diario)
Conservadores e progresistas tratarán de conformar un Executivo.

O conservador Partido Social Democrata (PSD), que leva gobernando case medio século na Madeira, Portugal, volveu imporse nos comicios rexionais do domingo mais co peor resultado da súa historia, facéndose con 19 dos 47 asentos do Parlamento madeirense, recolleron a segunda feira medios internacionais.

Detrás do PSD, que perdeu catro tras presentarse nas anteriores en coalición co CDS-Partido Popular, sitúase o Partido Socialista (PS), que repite os 11 escanos que obtivo nas eleccións rexionais de setembro de 2023, e a forza progresista rexional Juntos pelo Povo (JJP), que alcanza as nove deputadas e deputados case que dobrando a súa representación.

A extrema dereita do Chega mantense nos catro, con dous para o CDS, e tanto a Iniciativa Liberal (IL) como o Pessoas-Animais-Natureza (PAN) obtiveron cadanseu asento.

PCP e BE, fóra do Parlamento

Pola súa parte, ficaron fóra do lexislativo o Partido Comunista (PCP) e o Bloco de Esquerda (BE), nunha xornada cunha abstención de 46%.

Estes comicios, apenas oito meses despois dos anteriores, foron convocados polo presidente luso, Marcelo Rebelo de Sousa (PSD), perante a dimisión do actual presidente en funcións, o seu correlixionario Miguel Albuquerque, ao ser imputado por corrupción, o que non evitou que se volvera presentar como candidato.

"Incerteza total"

Malia que Albuquerque sostivo que se tratou dunha vitoria “inequívoca”, sen excluír un Goberno en minoría, o Diário de Notícias destaca que os resultados deixan o arquipélago nunha “incerteza total”, pois o Chega se nega a pactar co PSD, IL e PAN rexeitan apoiar Albuquerque e o CDS entrar nun Executivo. Ao tempo, o PS apunta que tratará de conformar unha maioría.