PSOE, PP e Vox vetan no Congreso a tramitación da lei de amnistía para os presos do 'procés'

O Congreso (Foto: Pool)

A proposta do independentismo catalán para "extinguir" a causa contra o 'procés' non poderá ser tramitada nin debatida no pleno

 

A mesa do Congreso español decidiu non aceptar a lei de amnistía presentada hai unha semana polos grupos independentistas cataláns e nin sequera se debaterá no pleno. Os membros designados polo PSOE, PP e Vox -que teñen maioría absoluta- opuxéronse e só votaron a favor os deputados de Unidas Podemos. O presidente deste grupo parlamentar, Jaume Asens, dixo a Catalunya Ràdio que era "grave" que a mesa do Congreso quixese "erixirse como unha especie de censor que realiza un control previo e usurpa as funcións do Tribunal Constitucional".

Onte, os avogados da mesa xa pediron que non se admitise a trámite a lei, argumentando que a proposta era parcialmente inconstitucional porque non propuña unha amnistía senón un indulto xeral.

 A tese técnica é que, segundo a constitución española, o rei, que debería sancionar a lei final, non ten o poder de avalar ningún indulto xeral. O argumento dos avogados, de feito, é idéntico ao que argumentou o PSOE para oporse á proposición de lei.

O obxectivo da lei presentada por ERC, Junts, PDECat e a CUP é extinguir calquera responsabilidade penal e administrativa por todos os actos de intención política relacionados coa "loita democrática pola autodeterminación de Cataluña" desde o 1 de xaneiro de 2013.