Catalunya

Puigdemont anuncia o inicio da súa viaxe de regreso a Catalunya

Carles Puigdemont. (Foto: Glòria Sánchez / Europa Press)
O ex president catalán reiterou o sábado nunha carta aberta a súa intención de volver a Catalunya e asumiu que a súa "detención" ía ser "unha posibilidade real".

O ex president catalán Carles Puigdemont anunciou esta cuarta feira pola mañá nas súas redes sociais que iniciou o seu regreso a Catalunya con intención de asistir ao debate de investidura do socialista Salvador Illa. O líder de Junts, que residiu desde 2017 en Waterloo (Bélxica), xa reiterou o sábado nunha carta aberta a súa intención de volver a Catalunya e asumiu que a súa "detención" ía ser "unha posibilidade real en moi poucos días".

"O Parlament de Catalunya convocou a todos os deputados ao debate de investidura do próximo president da Generalitat. Eu teño que estar alí e quero estar alí. Por iso empecei a viaxe de volta desde o exilio", subliñou nun vídeo difundido en redes sociais.

"Que eu poida asistir ao Parlament debería ser normal, que por facelo arrisque unha detención, que sería arbitraria e ilegal, é a evidencia da anomalía democrática que temos o deber de denunciar e combater, non porque sexamos independentistas, senón porque somos demócratas", recalcou.

Para Puigdemont, en "condicións de normalidade democrática" debería ser innecesario que anunciase a súa intención de asistir ao pleno, mais lamenta que el e o ex conseller Lluís Puig, como deputados de Junts, non poidan facelo libremente.

"Primeiro porque levamos encima unha longa persecución por permitir que os cataláns votásemos en referendo. E segundo, porque o Tribunal Supremo négase a obedecer unha lei de Amnistía aprobada e en vigor, e que é de obrigada aplicación", engadiu.

Isto, segundo Puigdemont, é un "desafío" que debe ter resposta e afrontala, é un dos motivos polo que iniciou o camiño de regreso a Catalunya, dixo. É máis, mostrouse convencido de que "non hai outro camiño para a normalidade democrática que o fin da represión política, un final que está contemplado na letra e espírito da lei de Amnistía".

"Non podemos calar"

"Se a cremos, e queremos que sexa unha lei que abarque a todo o mundo, non podemos calar ante a actitude de rebeldía, de rebelión, na que se bunquerizaron algúns xuíces do Tribunal Supremo", sostivo.

Tamén lamentou que isto "non parece que ao Goberno lle preocupe moito" e teme que ao futuro Executivo catalán, que previsibelmente encabezará o primeiro secretario do PSC, Salvador Illa, resultaralle igual de indiferente, dixo textualmente.

"Mais hai moitos cataláns que queremos vivir nun sistema democrático pleno, que queremos gozar do mesmo que teñen os países máis democráticos do mundo, cunha xustiza imparcial, que non teña axenda política, que non interfira para impedir a vontade popular que se expresa sempre a través dos parlamentos", concluíu.

Convocatoria do pleno de investidura

Pola súa parte, a Diputació Permanente do Parlament de Catalunya aprobou convocar o pleno de investidura do primeiro secretario do PSC, Salvador Illa, para esta quinta feira, co apoio de todos os grupos salvo a abstención de PP e Vox.

A intención de convocar a investidura para a quinta feira expresouna esta terza feira o president do Parlament, Josep Rull, cando compareceu para expoñer as conclusións da rolda de consultas cos grupos. O mesmo Rull é quen preside a Diputació, integrada por 23 deputados e deputadas: oito do PSC, seis de Junts, tres de ERC, dous do PP, dous de Vox, un dos Comuns e un da CUP.