Imputados por sedición Trapero, Sànchez e Cuixart

Puigdemont anuncia que o Parlament declarará a independencia "en cuestión de días"

Un momento da entrevista [Foto: @TomBurridgebbc]

A declaración de independencia de Catalunya após a vitoria incuestionábel do SI no 1-O é cuestión de días, revelou Carles Puigdemont nunha entrevista exclusiva coa BBC, nova mostra do interese do Govern na internacionalización do conflito. Paralelamente, a Audiencia Nacional cita por sedición o major dos Mossos, Josep Lluís Trapero, e os presidentes de Assemblea Nacional Catalana e Òmnium Cultural, Jordi Sànchez e Jordi Cuixart.

Catalunya estará en condicións de declarar a independencia en canto o escrutinio do 1-O (fica o voto exterior) estea concluído, declarou Puigdemont na entrevista á BBC. O Parlament tomará entón nota dos resultados nunha sesión plenaria a realizar ou esta fin de semana (mesmo podería ser o domingo) ou a comezos da próxima. Nesa altura, e en aplicación da Lei do Referendo (texto legal suspendido polo Tribunal Constitucional), a Cámara catalá fará unha declaración que será o pórtico para a fundación dunha República catalá independente.

 

"Declararemos a independencia 48 horas despois de se faceren oficiais todos os resultados que se están a escrutar. Probabelmente isto rematará cando estean [escrutados] os votos do exterior", dixo o chefe do executivo catalán.

 

Na entrevista Puigdemont mostrou ser plenamente consciente de que a reacción do Estado perante a declaración de independencia eventualmente podería ser a suspensión da autonomía (en aplicación do artigo 155 da Constitución española, perspectiva que se viu reforzada após o discurso que Filipe VI pronunciou no serán desta terza feira). Ao seu xuízo, a activación dese mecanismo sería un novo "erro" por parte do Estado, unha equivocación máis que sumar ás dos últimos días. Os erros do Estado (a operación contra as consellarías do Govern e a detención de altos cargos o 20 de setembro, as brutais cargas policiais nos colexios eleitoriais o 1-O) estarían a fortalecer o apoio social ás teses soberanistas, veu argumentar Puigdemont.

 

"Sería un erro máis nunha cadea de erros. Mais despois de cada erro saímos fortalecidos", dixo. Puigdemont ten moi presente a hipótese do seu propio arresto: A súa detención ou a de membros do seu Govern, alertou, podería ser "o erro definitivo".


Críticas á UE

 

Inquirido pola posición da Unión Europea -a Comisión xulga a cuestión catalá como un asunto interno e respalda a "lideranza" de Rajoy-, Puigdemont achouna "moi decepcionante". 

 

Trapero, Sànchez e Cuixart, citados por sedición

 

Mentres tanto, os aparatos coercitivos do Estado manteñen a súa escalada e a Audiencia Nacional citou como imputados por sedición o major dos Mossos, Josep Luís Trapero, e os líderes dos colectivos soberanistas Jordi Sànchez e Jordi Cuixart, presidentes respectivamente da Assemblea Nacional Catalana e Òmnium Cultural. Tamén está imputada a intendente da policía catalá, Teresa Laplana.

 

A AN española estima que súa actuación durante os protestos de 20 de setembro en Barcelona -cando miles de persoas arrodearon a sede da Consellaría de Economía no centro da cidade, mentres se producía no seu interior un rexisto por parte de gardas civís- podería ser constitutiva dun delito de sedición (por ou ben impedir o normal desempeño do seu traballo ás forzas estatais da orde -Trapero- ou por alentar as manifestacións tumultuarias -Sànchez e Cuixart).

 

O delito de sedición está fortemente penado no Estado español, e pode envolver penas de prisión de entre 8 e 10 anos para as persoas que promovan a revolta.