Puigdemont chama a pór o foco no ‘conflito Catalunya-España’

Carles Puigdemont intervindo no Parlamento europeo. (Foto: VilaWeb)

O presidente catalán no exilio, Carles Puigdemont, vén de romper o seu silencio após os resultados electorais do pasado domingo. Nun amplo comunicado difundido nas súas redes sociais advirte que se equivocan aqueles que meten presión ao nacionalismo catalán.

 

A gobernabilidade do Estado está en mans de Junts por Catalunya e os seus dirixentes sábeno. Precisamente, o líder da formación fixo este sábado públicas as súas primeiras valoracións sobre o proceso electoral.

Puigdemont asegura que “quen crea que exercendo presión ou practicando directamente a chantaxe política obterá algún beneficio táctico, pódese aforrar o esforzo".

O dirixente catalán lembra que desde que está no exilio foi obxecto de "campañas de difamación vergoñosas, de artigos vomitivos sobre min e sobre a miña familia” e chama a centrar a negociación nas cuestións políticas.

O líder nacionalista reclama pór o foco no "conflito político, moi serio e profundo. Non nas persoas, senón no país".

O presidente catalán explica que "se fai seis días o resultado provisional xa nos situou no centro da conversación e das especulacións, cos resultados definitivos nas mans a posición aínda quedou máis contrastada: ou Junts vota que si, ou o PSOE acaba facilitando a investidura de Feixoo (ou a do candidato que os populares propoñan), ou imos á repetición das eleccións”.

Puigdemont avanza que “non pasou suficiente tempo para saber que acabarán facendo os dous grandes partidos españois, o que perdeu gañando, e o que gañou perdendo. En circunstancias similares, preferiron repetir as eleccións. Por tanto, hai que manter a calma".

O dirixente nacionalista chama a “enfocar o conflito Catalunya-España”, “un conflito moi serio e profundo, e é aquí onde hai que pór o foco. Non nas persoas, senón no país".

O presidente exiliado resta importancia a decisión de Junts sobre a investidura de Sánchez, porque até que as forzas españolistas "non recuperen o parágrafo perdido neste conflito non entenderán nada e non estarán en condicións de ter unha conversación proveitosa".