Puigdemont constitúe La Crida coa súa investidura como “obxectivo prioritario”

A dirixencia de La Crida Nacional per la República. Foto: La Crida.

O presidente da Generalitat, Quim Torra, expuxo o “obxectivo priroritario” de La Crida: a investidura de Carles Puigdemont. Fíxoo este sábado no seu discurso ás participantes no congreso inaugural da organización, en Barcelona.
 

Na organización soberanista, cuxo nome completo é La Crida Nacional per la República, figuran militantes do PDeCat -partido herdeiro de CiU, en que militaba o propio Puigdemont-, ERC e mesmo unha antiga conselleira polo PSC, Marina Geli.

 

O presidente da formación é Jordi Sànchez, actualmente en prisión. Este dirixiuse aos asistentes vía carta e asegurou que este novo movemento do nacionalismo “non pretende entrar no sistema de partidos cataláns e nace coa vontade de desaparecer” en canto acade o seu fin estratéxico, a república catalá.

 

A aparición de La Crida, non obstante, engadiu un novo elemento ao campo soberanista. Vista con receo dende as direccións de PDeCat e e ERC, os seus promotores afirman que non se trata dun partido político -aínda que si o rexistraron como tal-, senón dunha “asociación que quere facer acción política”. Os seus postulados están reducidos á proclamación efectiva da república, despois da que, din, se disolverán.

 

De cara ás eleccións municipais, La Crida presiona para que o independetismo presente unha candidatura unitaria en Barcelona.