Catalunya

Puigdemont explica o seu regreso: "Exercín o meu dereito de resistir a opresión"

O ex president da Generalitat Carles Puigdemont, o pasado 8 de agosto, no acto no que participou en Barcelona. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
"O risco de ser enviado a unha prisión española durante anos era extremadamente alto. Con todo, decidín volver", escribiu a 'Politico'.

O president Carles Puigdemont vén de publicar un artigo no xornal Politico, unha das publicacións máis influentes de Bruxelas, no que explica o seu regreso a Barcelona (Catalunya) despois de sete anos de exilio. "O risco de ser enviado a unha prisión española durante anos era extremadamente alto. Porén, decidín volver", escribe o ex dirixente, que confirma que chegou a Barcelona na tarde do 6 de agosto, dous días antes da investidura de Salvador Illa.

"Dous días despois puiden cruzar unhas cantas rúas e chegar ao escenario sen ser detido. Puiden falar diante da multitude coa cara descuberta, a poucos metros da sede do Tribunal Superior de Xustiza e do Parlament de Catalunya”, continúa Puigdemont, que asegura que quería entrar no hemiciclo, pero o cordón dos Mossos d'Esquadra fixo imposíbel esa misión: "Se o intentase, equivalería a entregarme ás autoridades xudiciais".

"Non volvín a Catalunya para ser detido. Volvín para exercer o dereito de resistir a opresión. Cando o xuíz se nega a aplicar unha lei democrática —a Lei de amnistía—, esta é unha forma de opresión que un demócrata non debe tolerar", engade o dirixente, quen reitera que o retorno supuxo un gran risco persoal, pero que pagou a pena para denunciar a "politización da xustiza española, especialmente do Tribunal Supremo".

Neste senso, acusa os xuíces de teren cometido un "golpe híbrido" ao non aplicar a amnistía. "Por iso, para quedar libre, tiven que activar o plan alternativo que tiña preparado; é dicir, falar no acto, evitar a detención ilegal e saír do Estado español. Non foi doado. A policía creou o caos en toda Catalunya mentres intentaba determe", di Puigdemont sobre a 'Operación Gaiola', que lembra que a última vez que se activou foi durante os atentados do 17-A.

"A miña incursión foi exitosa. Non había que agocharse no maleteiro dun coche, como din que fixen. Sentei na parte traseira dun vehículo privado e conducíronme a través da fronteira entre a Catalunya Sud e a Catalunya Nord, que é administrativamente territorio francés. Agora espero que algún día a xustiza volva aos tribunais españois, e que os xuíces respecten unha lei aprobada polo parlamento, para que eu volva a casa definitivamente", conclúe.