Putin cifra en 318.000 os cidadáns rusos mobilizados
O presidente de Rusia, Vladimir Putin, cifrou esta sexta feira en 49.000 o número actual de reservistas mobilizados que se atopan en zonas de combate en Ucraína, unha sexta parte aproximadamente do total que se incorporou a filas durante o estado de "mobilización parcial" decretado polo mandatario, que acabou a semana pasada, e cun número que vai en aumento grazas á incorporación de novos voluntarios.
De feito, Putin asegurou que case 20.000 cidadáns máis se incorporaron a filas desde o final deste período na pasada sexta feira, até aumentar a 318.000 o número total de cidadáns rusos preparados para o combate en Ucraína.
75.000 militares rusos mortos, segundo Ucraína
As Forzas Armadas de Ucraína, pola súa parte, aseguraron onte que mataron 840 militares de Rusia en combates rexistrados durante o último día e apuntaron que perto de 75.000 soldados rusos faleceron en combate desde o inicio da invasión, desencadeada o 24 de febreiro.
Ademais, aseguran que destruíron 2.750 carros de combate, 1.772 sistemas de artillería, 201 sistemas antiaéreos, 391 lanzafoguetes, 277 avións, 258 helicópteros e 1.450 drons.
Evacuación
A Policía Nacional de Ucraína levou a cabo onte a evacuación da totalidade da poboación da cidade de Marinka, na rexión de Donetsk, despois de que as autoridades ucraínas decretasen que era perigoso permanecer na zona.
A policía fixo un chamamento á poboación da cidade -que antes da guerra chegou a ter 10.000 habitantes- para que marchase, axudándoas ademais a escapar dos bombardeos, segundo detallou o corpo nun comunicado.
Os axentes instaron os habitantes de Krasnogórivka, unha localidade perto de Marinka e onde aínda hai 800 residentes -houbo máis de 16.000-, a "non esperar máis para saír e salvar a súa vida e a súa saúde".