Vladimir Putin substitúe Serguéi Shoigú e propón Andréi Beloúsov como novo ministro de Defensa

Andréi Beloúsov é o candidato para encabezar a carteira de Defensa (Foto: Europa Press / Contacto / Gavriil Grigorov / Kremlin Pool).
O candidato para encabezar a carteira de Defensa é Andréi Beloúsov, quen até o de agora ocupaba o cargo de primeiro vicepresidente do Goberno ruso.

O presidente de Rusia, Vladimir Putin, propuxo este domingo unha nova candidatura para o cargo de ministro de Defensa, como parte do reaxuste gobernamental emprendido tras asumir esta semana o seu quinto mandato presidencial.

O candidato para encabezar a carteira de Defensa é Andréi Beloúsov, quen até o de agora ocupaba o cargo de primeiro vicepresidente do Goberno ruso. A súa candidatura será sometida a votación no Consello da Federación, a Cámara Alta do Parlamento ruso, na sesión desta terza feira, 14 de maio.

De ser aprobada, Beloúsov substituirá no cargo a Serguéi Shoigú, que foi designado secretario do Consello de Seguridade e exercerá tamén como adxunto de Putin na Comisión Militar-Industrial, supervisando o traballo do Servizo de Cooperación Técnico-Militar.

"Non se trata de calquera civil"

O portavoz da Presidencia de Rusia, Dimitri Peskov, explicou a designación de Belóúsov pola necesidade de "adecuar o sector de defensa á economía do país". O voceiro puntualizou que "non se trata de calquera civil" indicando a traxectoria eficaz de Beloúsov.

"Hoxe en día, no campo de batalla, gaña o que está aberto á innovación, máis aberto á súa incorporación máis rápida. Por tanto, é natural que na etapa actual o presidente decidise que un civil dirixa o Ministerio de Defensa", declarou.

"Dirixiu con gran éxito o Ministerio de Desenvolvemento Económico, durante moito tempo foi axudante do presidente en cuestións económicas. E no anterior Gabinete, foi primeiro viceprimeiro ministro. O Ministerio de Defensa debe estar absolutamente aberto á innovación, á introdución de todas as ideas avanzadas", acentuou o portavoz ruso.