Protesta contra a reforma das pensións

Quinta xornada consecutiva de folga no transporte en Francia

Manifestantes en Marsella contra a proposta gobernamental de reforma das pensións [Europa Press]
Á primeira hora da mañá, acumulábanse máis de 600 quilómetros de retencións nas vías de acceso a París, un volume inédito no último lustro. Os sindicatos temen que se retrase a idade de xubilación.

Quinta xornada consecutiva de folga masiva do transporte público en Francia. A protesta contra a reforma das pensións do presidente Emmanuel Macron paralizou especialmente a capital, París, segundo informaron os medios locais. 

Tan só unha quinta parte dos trens de proximidade e de alta velocidade circularon esta segunda feira, 9 de decembro. Ademais, nove liñas de metro permaneceron pechadas e outras cinco funcionaron de maneira escasa e irregular. 

Á primeira hora da mañá, acumulábanse máis de 600 quilómetros de retencións nas vías de acceso a París, un volume inédito no último lustro. A razón é que ducias de miles de persoas que habitualmente utilizan o tren, o autobús ou o metro optaron polo coche co obxectivo de evitar o paro.

Pulso sindicatos-Goberno

Os sindicatos e o Goberno manteñen un pulso que ameaza con estender no tempo a folga.

O Executivo defende un sistema universal por puntos para substituír os 42 réximes existentes na actualidade, divididos en varios grandes grupos: xeral, de funcionarios, privado, especial, de autónomos e complementarios. 

O Executivo alega que será "máis xusto e máis sólido", mais as centrais -agás a moderada e maioritaria Confederación Francesa Democrática do Traballo (CFDT)- e os partidos da esquerda consideran que daría entrada a unha xubilación máis precaria e tardía no tempo.

Un dos sectores máis afectados sería o ferroviario, o que explica o gran seguimento e impacto da folga no transporte.

Segundo unha enquisa publicada o domingo polo Journal du dimanche, máis da metade da cidadanía está a favor da folga contra a reforma: 33% apóiaa e 20% mostra simpatía pola reivindicación. 

Modificacións

Está previsto que o primeiro ministro francés, Édouard Philippe, presente esta cuarta feira os detalles da proposta gobernamental, que aínda non se coñece polo miúdo. Segundo recollen os medios galos, agárdase que inclúa concesións para algunhas das profesións que se puidesen ver máis negativamente afectadas, como as de ensinantes de educación primaria. 

Ademais, tamén se incluiría un calendario de aplicación progresivo que, polo tanto, deixaría fóra da reforma as persoas máis próximas á súa xubilación.