Remite a situación en Ceuta, con 5.600 persoas expulsadas
Despois da entrada en Ceuta de máis de 8.000 persoas desde a segunda feira, o Reino de Marrocos decidiu volver despregar a súa Policía na fronteira co Estado na noite da terza feira, pouco despois de que se fixera público que a Audiencia Nacional citou a declarar a Brahim Ghali, líder da Fronte Polisario, e que o Consello de Ministros español aprobara pagarlle 30 millóns de euros para controlar a “inmigración ilegal”, segundo referencias de Moncloa.
Con esta axuda, o Goberno do Estado dirixido por Pedro Sánchez suma 90 millóns de euros en tres anos entregados a Marrocos para “contribuír ao financiamento do despregamento as autoridades marroquís en actividades de loita contra a inmigración irregular”, sinala. A isto hai que engadir a relación armamentística, desde 2016, pois o Estado vendeulle 87 millóns de euros en armas.
Tampouco a Unión Europea -que achegou 250 millóns a Marrocos en tres anos para loitar contra a "inmigración ilegal"- cuestionou a actitude alauita, mais aló de sinalar que tamén é a súa fronteira a que está en xogo. Francia, antigo colonizador, sinalou hoxe que confía “na acción do Goberno español, que ten o apoio do conxunto da Unión Europea”, antes de lembrar que considera a Marrocos “un socio crucial” da UE e de pedir que se manteña a colaboración para limitar a inmigración.
O Estado négao
Así, o Estado español segue a negar a relación entre a asistencia hospitalaria a Ghali, e agarda que a embaixadora de Marrocos, Karima Benyaich, regrese após ser chamada a consultas por Rabat, co fin de manter a relación cun país “amigo”.
Segundo as cifras recoñecidas polo Ministerio de Interior, o Estado expulsou a 5.600 persoas a Marrocos, ao tempo que se desenvolve o debate sobre as persoas menores de idade. O Goberno do Estado propuxo aos territorios acoller 200 persoas. Desde a Galiza, o director xeral de Familia, Jacobo Rey, ofreceu a colaboración da Xunta.
Fontes do Estado sinalan que Marrocos está avisando a Europa
A pesar da ruptura do cesamento de fogo entre Marrocos e o Sáhara Occidental hai cinco meses, o recoñecemento brindado á ocupación marroquí de boa parte do territorio saharauí polos EUA durante a Presidencia de Trump a cambio do estabelecemento de relacións diplomáticas entre Marrocos e Israel deu azos ao Reino alauita á hora de negar os dereitos do Sáhara e de impor as súas condicións. “Marrocos demostrou con esta crise que está avisando a Europa de forma preventiva”, revelaron a Europa Press fontes do Executivo español.
Neste sentido, a citación a Brahim Ghali, líder do Fronte Polisario, a declarar o 1 de xuño na Audiencia Nacional, por unha denuncia por delitos de lesa humanidade, é coherente coas solicitudes efectuadas por Marrocos nestes días.