O réxime israelí bombardea dúas escolas ateigadas de refuxiadas en Gaza

Escola atacada a quinta feira en Gaza. (Foto: Hadi Daoud / APA Images via ZUMA P / DPA vía Europa Press)
Ameaza de invasión contra Khan Younis.

Como mínimo 15 palestinas e palestinos morreron e unha trintena resultaron feridos ao bombardear a quinta feira os militares israelís dúas escolas, a Abdel Fattah Hamoud e a Zahraa, situadas na cidade de Gaza e que estaban ateigadas de persoas que se refuxiaban dos ataques sionistas na súa agresión militar á Faixa, que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) cualifican de xenocidio e limpeza étnica.

Porén, a cifra real de vítimas mortais é previsibelmente máis alta, pois os equipos de Defensa Civil sinalaron que moitas persoas aínda estaban desaparecidas baixo os cascallos.

Con estes ataques a cifra de escolas bombardeadas en Gaza sen previo aviso nas últimas dúas semanas elévase a oito. Os ataques a centros de ensino, hospitais e campos de refuxiados, como o que matou onte 15 persoas no de Bureij, convertéronse en habituais desde o comezo do xenocidio, que segue a ser avalado polos principais aliados e provedores de armas dos sionistas, os Estados Unidos e a Unión Europea (UE).

Como adoita alegar, o réxime de apartheid israelí xustificou o ataque en que as escolas albergaban dous presuntos centros de mando da organización palestina Hamás.

Non obstante, Mahmoud Basal, voceiro da Defensa Civil de Gaza, informou de que todas as persoas falecidas eran mulleres e crianzas, debullando que nas escolas non había nin homes nin combatentes armados e denunciando á vez que Israel quere amosar que non hai lugares seguros en Gaza. En paralelo, o réxime israelí non foi quen de demostrar afirmacións similares ao longo da agresión militar, na que asasinou case 40.000 persoas no enclave palestino desde outubro.

Ademais, logo de advertir que lanzaría unha invasión á cidade de Gaza, os militares israelís reclamaron a evacuación de múltiples barrios de Khan Younis en previsión doutra ofensiva, instando a poboación a dirixirse a supostas zonas humanitarias, designadas por Israel, e que foron atacadas repetidamente.

Nos Estados Unidos, a vicepresidenta e candidata do Partido Demócrata, Kamala Harris, intentou acalar unha protesta a favor de Palestina durante un mitin. Despois dos berros de “Kamala, Kamala, non podes agocharte, non votaremos a favor do xenocidio”, Harris afirmou que “se queren que gañe Donald Trump [ex mandatario e candidato republicano] sigan a falar”.

Entrementres, Israel continúa en alerta máxima en previsión das represalias de Irán polo asasinato en Tehran de Ismail Haniyeh, líder de Hamás.