Rusia acusa Ucraína de intentar atacar a central nuclear de Kursk, que está fóra da área da incursión ucraína

Central nuclear de Kursk, Rusia. (Foto: Rosatom)
O director da OIEA, Rafael Grossi, desprazarase a Moscova.

“O inimigo intentou atacar a central nuclear [de Kursk] esta noite”, afirmou a quinta feira o presidente ruso, Vladimir Putin, en alusión ao Exército ucraíno, que iniciou o 6 de agosto unha incursión na rexión rusa homónima.

A planta nuclear está localizada en Kurchatov, a arredor de 60 km da fronteira ucraína e nunha área que non se viu afectada pola incursión, na que Kíiv asevera que se fixo con máis de 1.250 km2.

A pasada semana, a voceira do Ministerio de Asuntos Exteriores, Maria Zakharova, sinalara que Kíiv estaba a preparar un ataque contra a instalación que “podería provocar unha catástrofe a grande escala en Europa”, reclamando á Organización das Nacións Unidas (ONU) e ao Organismo Internacional de Enerxía Atómica (OIEA) que condenaran estas accións.

Putin apuntou que informaron a OIEA da tentativa, así como que “prometen vir persoalmente” e “enviar especialistas para avaliar a situación”. “Agardo que isto finalmente o fagan”, reiterou o mandatario.

Ademais, Mijail Ulianov, representante ruso ante as distintas organizacións internacionais en Viena, a capital austríaca, xuntouse con Rafael Grossi, director xeral da OIEA, para coordinar o desprazamento. Con anterioridade, comunicara que “o máis probábel é que a visita se realice a principios e non a finais da próxima semana”.

Rusia denunciou en múltiples ocasións desde a invasión de Ucraína ataques de Kíiv contra a central nuclear de Zaporijia, que as tropas rusas tomaron en marzo de 2022. Ao tempo, Ucraína sostén que é Moscova quen está a bombardear a planta.

Ademais, Alexander Bogomaz, gobernador de Briansk, rexión fronteiriza con Ucraína como Kursk, asegurou que repeleron un intento de infiltración.