Rusia, disposta a "dialogar" cos EUA malia que "non tolerará" que se crucen as "liñas vermellas"
O representante adxunto de Rusia ante a Organización das Nacións Unidas (ONU), Dmitri Polianski, apuntou esta sexta feira, en declaracións á axencia rusa Sputnik, que o seu Goberno avoga polo "diálogo" para resolver o conflito en Ucraína. Porén, dixo, Moscova "non permitirá" que se crucen as súas "liñas vermellas".
"Somos diplomáticos e debemos actuar de tal maneira, por iso aproveitaremos calquera oportunidade para chegar a acordos, mais sen renunciar ás nosas posicións cruciais e sen que se crucen as nosas liñas vermellas", defendeu.
Así as cousas, Polianski acusou as potencias occidentais de estaren a artellar unha "operación de falsa bandeira" en Donbass, no leste de Ucraína, para logo "culpar Rusia dunha presunta invasión".
O diplomático cualificou como "falsas" as informacións xurdidas nas últimas datas sobre os supostos plans do Kremnlin para atacar o país veciño, con base no nutrido número de tropas rusas despregado na fronteira.
Esas 'fake news', afirmou, "multiplican o risco dunha escalada bélica". Con todo, manifestou a súa "esperanza" de que os políticos occidentais "teñan suficiente cordura" para "desistir do seu intento".
A respecto das posíbeis vías de resolución do conflito e sobre a opción de que a ONU inicie unha arbitraxe, Polianski apuntou: "[António] Guterres non descarta a variante de arbitraxe, mais antes quere esgotar todos os recursos dispoñíbeis de influír sobre a parte estadounidense para lograr unha solución".
Ao mesmo tempo, afirmou que Guterres, secretario xeral da ONU, "estará obrigado a lanzar o procedemento de arbitraxe se a actitude dos EUA non muda radicalmente".