Rusia e Occidente realizan o maior troco de prisioneiros desde a Segunda Guerra Mundial

Recep Tayyip Erdogan, presidente de Turquía, o Estado que mediou na operación. (Foto: Europa Press)
A operación entre Moscova e Washington baixo a mediación de Turquía tamén supuxo a liberación de presos de Estados europeos.

Rusia e Occidente realizaron esta quinta feira no aeroporto de Ankara (Turquía) o maior troco de prisioneiros desde a Segunda Guerra Mundial, segundo informaron medios turcos coñecedores desta operación, que supuxo a liberación de presos de oito Estados.

Detállase que o intercambio se realizou baixo coordinación da Organización Nacional de Intelixencia de Turquía. "A nosa organización asumiu un importante papel de mediación nesta operación de intercambio, que é a máis completa dos últimos tempos", destacou a institución.

Neste sentido, precísase que foron intercambiados 26 prisioneiros de oito Estados: o Estado español (concretamente o xornalista vasco Pablo González), Alemaña, Polonia, Eslovenia, Noruega e Bielorrusia, así como Rusia e os Estados Unidos de América. Dez deles diríxense a territorio ruso, 13 a Alemaña e tres aos EUA.

Os servizos de Intelixencia turcos estabeleceron canles de diálogo para esta operación. Coa intención de fechar un acordo para o troco destas persoas que permanecían presas, as partes reuníronse en Turquía en xullo de 2024 coa organización turca.

Algúns dos liberados

O xornalista de The Wall Street Journal Evan Gershkovich, o marine estadounidense Paul Whelan, o cidadán alemán Rico Krieger, ou os cidadán rusos Iliá Yashin e Vadim Krásikov, condenados en Alemaña a cadea perpetua polo asasinato dun ex comandante checheno, atópanse na lista de persoas intercambiadas.

Previamente, Reuters reportou que se estaba preparando un gran intercambio de prisioneiros entre Rusia e Estados de Occidente. A axencia detallou que varios prisioneiros rusos foron sacados dos centros de detención preventiva e das colonias penais onde estaban recluídos, presuntamente para preparalos para o troco.