Pedro Sánchez adianta un ano o Congreso Federal do PSOE

Pedro Sánchez. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
A federación de Aragón rexeita o financiamento catalán.

O presidente español e líder do PSOE, Pedro Sánchez, decidiu adiantar o Congreso Federal da formación -previsto no outono de 2025- a novembro deste ano, reportou a sexta feira a prensa estatal.

Nese sentido, a próxima segunda feira a Executiva Federal convocará para o sábado 7 de setembro o Comité Federal que aprobará o calendario dun evento que a dirección pretende que decorra en Sevilla, Andalucía.

Poucas horas antes transcendeu que a Executiva do PSOE en Aragón rexeitou por unanimidade o sistema singular de financiamento, semellante ao concerto fiscal do que gozan Euskadi e Nafarroa, que a forza estatal se comprometeu a implementar no territorio catalán para recibir o apoio de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) á investidura de Salvador Illa (Partit dels Socialistes, PSC-PSOE). A dirección aragonesa insistiu en demandar un sistema de financiamento “sen privilexios”.

A renovación do liderado territorial de Andalucía, apunta o xornal El País, é un dos eixos principais detrás da convocatoria entre as dúbidas sobre o seu secretario xeral, Juan Espadas, perante as eleccións andaluzas previstas, de non haber adianto, a mediados de 2026.