O secretario xeral da ONU alerta de que a situación actual é peor que na Guerra Fría

António Guterres, a terza feira. (Foto: Michael Kappeler / DPA vía Europa Press)
Lula reclama "erradicar a fame" no mundo.

“Non podemos seguir así”, concluíu a terza feira o secretario xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU), António Guterres, durante a súa intervención na apertura do debate da Asemblea Xeral do organismo, localizado en Nova York (Estados Unidos), insistindo en que a impunidade, a desigualdade e a incerteza están a levar a nosa civilización en dirección a “un barril de pólvora que corre o risco de afundir o mundo”.

Guterres incidiu en que a situación é peor que durante a época da Guerra Fría, un período que “incluso con todos os seus perigos tiña regras” e “liñas vermellas”, pois “agora pode sentirse que non temos iso”, cualificando o momento actual de “purgatorio de polaridade” e facendo énfase en que o “nivel de impunidade no mundo é politicamente indefendíbel e moralmente intolerábel”.

Neste contexto, relatou que cada vez máis actores “senten que poden saltarse o dereito internacional, violar a Carta da ONU, ignorar as convencións internacionais de dereitos humanos e as decisións dos tribunais internacionais, invadir outro país, arrasar sociedades enteiras ou ignorar por completo o benestar dos seus propios pobos”. E aínda así “non pasará nada”.

No que atinxe ás desigualdades apuntou que a que ten unha prevalencia máis alta é a de xénero, ademais de criticar que, mentres nos últimos cinco anos empeorou a situación dun terzo dos 75 países de menos ingresos, os cinco homes máis ricos do mundo duplicaron as súas fortunas.

En paralelo, reclamou reformar as estruturas do poder político e económico para resolver estas problemáticas, incluída a ONU.

Como é tradicional, o Brasil foi o primeiro Estado en intervir despois do secretario xeral, abrindo a quenda para o resto de xefas e xefes de Estado e de Goberno que interveñen no debate canda o resto de representantes das delegacións estatais.

Ao respecto, o líder brasileiro, o progresista Lula da Silva, ademais de abordar as agresións militares de Israel contra Gaza e o Líbano, fixo fincapé no cambio climático, asegurando que o planeta está “farto de acordos climáticos incumpridos” e de que “se descoiden os obxectivos de redución de emisións de carbono”.

Tamén tratou o obxectivo principal do seu Executivo, “rematar coa fame”, reiterando que “o mundo produce alimentos dabondo para erradicar a fame” pero “é necesario crear condicións para o acceso aos alimentos”.

Pola súa parte, o presidente estadounidense, Joe Biden, destacou que durante o seu mandato se produciu a saída do país de Afganistán, derivando na volta dos talibán ao poder.