Albano Dante si apoia o 1-O

O secretario xeral de Podem critica non ter sido convidado á cimeira convocada por Iglesias

Albano Dante Fachín

Na reunión en que Pablo Iglesias e as portavocías confluentes lanzaron a proposta dunha asemblea de parlamentares para un pacto Catalunya-España houbo unha ausencia moi significativa. A do secretario xeral de Podem Catalunya, Albano Dante Fachín. A fenda entre a organización catalá e o aparato estatal é moi profunda. Dante Fachín criticou non ter sido convidado á reunión.

As discrepancias entre Podem e Podemos atinxen basicamente a cuestión do referendo. A organización catalá convida a participar no 1-O. O aparato estatal dirixido por Iglesias opta, en troca, por chamar a un acordo para ir a un referendo distinto, con garantías, fillo dun acordo entre Catalunya e o Estado que a día de hoxe se perfila como altamente improbábel.

 

Esa diverxencia tivo esta segunda feira unha tradución ben rechamante, a ausencia do secretario xeral de Podem na cimeira en que, con presenza do goberno na sombra de Pablo Iglesias e portavoces de IU, Catalunya en Comú e En Marea (Yolanda Díaz), se lanzou a proposta de constitución dunha Asemblea de Parlamentares e Alcaldesas/Alcaldes para forxar un pacto Catalunya-España que puidese resultar na realización dun referendo pactado.

 

Dante Fachín exteriorizou o seu malestar, por non ter sido convidado a esta reunión, nun chío en twitter:

 

 

 

En realidade, a posición da dirección estatal de Podemos apenas ten respaldo orgánico nos seus referentes en Catalunya: non é partillada nen por Podem nen por Catalunya en Comú, que resolveu nunha consulta interna chamar a participar no referendo.