A segunda feira foi o día máis cálido endexamais rexistrado na Terra, e posibelmente o dos últimos 120.000 anos

Onda de calor o mes pasado no Iraq. (Foto: Ameer Al-Mohammedawi / DPA)
Os Estados ricos, á cabeza da expansión do petróleo e do gas.

O cambio climático, o incremento da temperatura global orixinado polo home a través do uso masivo de combustíbeis de orixe fósil, deixou un novo récord que constataron os datos provisionais de satélite de Copernicus, un programa da Unión Europea (UE), que trasladou a cuarta feira que a pasada segunda feira foi o día máis quente rexistrado no planeta, e a comunidade científica deste ámbito sostén que se puido tratar do día máis cálido dos últimos 120.000 anos.

Os 17,15ºC de temperatura promedio do aire na superficie este día superaron por poucas décimas a marca anterior, de 17,09ºC, díxito alcanzado o domingo, apenas 24 horas antes.

Con anterioridade, os 17,08ºC fixados o 6 de xullo do pasado ano acabaron coa marca anterior, de 2016.

Este récord superouse no contexto da ruptura de todas as marcas mensuais de temperatura nos últimos 13 meses, nos que o mundo estivo por riba dos 1,5ºC con relación á época preindustrial, o limiar marcado polos Estados do mundo para frear os efectos máis destrutivos do quecemento global.

Unha das consecuencias e o aumento da duración e a intensidade das ondas de calor, que reducen a súa periodicidade e que se estenden nestes momentos ao longo do hemisferio norte.

Así e todo, os países con máis recursos económicos, obtidos grazas ao uso de combustíbeis fósiles, cuxas consecuencias afectan principalmente os Estados en vías de desenvolvemento, seguen a ignorar os seus compromisos climáticos e “lideran a expansión mundial do petróleo e do gas”, revelou o xornal The Guardian.

Os Estados Unidos, o Reino Unido, o Canadá, Noruega e Australia concentran 67% de todas as novas licencias para explotalos desde 2020 no mundo.