Enviados especiais

Sermos Galiza estará en Catalunya para acompañar o 1-O

Daniel Candal e Antón F. Escuredo

O xornalista Antón F. Escuredo e o cámara Dani Candal desprázanse a Catalunya como enviados especiais de Sermos Galiza para cubrir unha xornada histórica que transcende os límites do país catalá. “Queremos, desde unha perspectiva galega e a pé de rúa en Catalunya, informar”, comprometénse.

Antón F. Escuredo e Dani Candal arribarán a Catalunya como enviados especiais de Sermos Galiza na noite da vindeira sexta feira, 29 de setembro. Permanecerán alí até a segunda feira, 2 de outubro. Un intervalo no que debullarán para as e os lectores de Sermos Galiza a realidade catalá acompañando o referendo do 1 de outubro. A cobertura abrangue pezas audiovisuais, crónicas xornalísticas e pezas actualizadas, tomando o pulso á actualidade para o meio dixital e unha reportaxe para o semanario

 

-Ides a Catalunya nunha fin de semana que se perfila como histórica. Cal é voso, por chamalo así, plan de traballo para esas xornadas?

 

-A.F.E: Somos conscientes de que esta fin de semana vai ser histórica. En Catalunya levan uns anos de mobilizacións e citas históricas (Diadas, consulta 9N...) mais esta é algo máis, o propio Goberno catalán preséntaa como definitiva. Entón, iso obriga a que a cobertura teña que estar a esa altura. Estaremos alí e contaremos a realidade, o que acontece, desde unha perspectiva galega. Queremos falar con colectivos galegos en Catalunya para que nos conten como ven eles  este referendo. A nosa intención é estar nos sitios estratéxicos: a pé de urna, na sede da Generalitat, nos actos que fagan ANC e Òmnium, nas sedes electorais.... Se ben a base é Barcelona cidade, non desbotamos estar tamén na área metropolitana, tendo a conta a importancia de sitios como Badalona, Cornellá, ou Hospitalet, onde o alcalde non cede espazos para votar.

 

-É todo un reto xornalístico nunha fin de semana do máis intensa

 

-D.C: Como escenario de traballo podemos dicer que presenta certas dificultades, nomeadamente pola presión do momento, que obriga a informar a tempo real. Dáse así unha situación no que o que prima é a inmediatez, mais queremos que iso non afecte a información e a calidade. Faremos cobertura en formato audiovisual e tamén a través de crónicas para o dixital, intentando reflectir todo o de importante que aconteza neses días. A isto engádese que pode ser unha fin de semana onde aos xornalistas non se nos poñan as cousas moi doadas para desenvolver o noso traballo.

 

-Que valoración facedes da cobertura que do que está a acontecer en Catalunya fan os medios sistémicos galegos e, por extensión, españois?

 

-A.F.E: Eu son moi crítico coa visión e o papel deses medios. Vivín moitos anos en Catalunya e teño aló moitas amizades, unha conexión bastante forte, e o que contan non é o que nos contan todos eses medios. Hoxe en día non hai dificultade, para quen estea interesado, en poder acceder a medios cataláns e contrastar a información que dan desde España. A min si que me chama a atención ver como medios moi distantes repiten exactamente o mesmo sobre o que acontece en Catalunya, coincide até no mínimo detalle. Esa visión que se quere dar dunha sociedade catalá dividida, fracturada, onde vai chegar a violencia, non ten a ver coa realidade que vemos cando nos informamos directamente a través de medios e persoas de alí. É unha visión nesgada e nesgada a mantenta. Hai que informarse directamente, e por iso imos estar alí nesa fin de semana. Nós imos pulsar a realidade, falar coa xente, preguntar, que as persoas nos conten as súas impresións. Imos contrastar, falar... intentar contar aquilo desde a nosa perspectiva, de galegos.

 

-D.C: É obvio que no panorama mediático hai unicamente unha visión dominante sobre o que acontece en Catalunya, que é a visión do goberno do Partido Popular. A prensa dominante non optou por informar, senón por situarse do bando do goberno.

 

-A.F.E: Iso xa xerou malestar e queixas, como a de Xabier Fortes ou os traballadores de TVE en Catalunya, denunciando manipulación.

 

-Estaredes preparados para que o 1-O poida haber calquera tipo de escenario: desde xente indo a votar –onde poida- con relativa normalidade até un despregamento policial de dimensións nunca vistas.

 

-A.F.E: Pode darse calquera cousa, mais vendo como avanzou o ‘procès’ ao longo destes anos, creo que pode haber unha normalidade no 1-O e que a xente vote. O único que agardo é que as forzas de seguridade non fagan ningunha barbaridade. Perante unha votación democrática e pacifica, que non haxa respostas que non sexan pacíficas. O Estado español pode actuar de moitas maneiras aínda que considere ilegal o referendo, e oxalá non escolla a vía que moitos tememos.

 

-D.C: Ao longo de todos estes anos de mobilizacións e actos, o único incidente violento foi precisamente o provocado hai uns días pola extrema dereita fascista en Barcelona. O movemento a favor da autodeterminación en Catalunya é un exemplo de democracia e pacifismo, agardemos que a resposta sexa nos mesmos termos.