Sinn Féin colle impulso nas enquisas para gañar as eleccións na República de Irlanda

sinn fein irlanda eire

As sondaxes sinalan un empate do gobernante Fine Gael e o centenario partido republicano, que aumenta en apoios enquisa tras enquisa.

 

É só unha enquisa. Mais puxo dos nervios a boa parte da clase política tradicional irlandesa, tanto de dereita como de centro-esquerda. O Irish Times, un dos principais xornais irlandeses, publicou unha sondaxe sobre o apoio ás diferentes opcións políticas de cara a unhas eleccións na República. E o resultado dá un empate técnico entre o Fine Gael (democracia cristiá), actualmente gobernando; e o Sinn Féin. Ambos os dous cun 24% dos apoios. Desde a última enquisa, o SF subiu un 4% en intención de voto.

Cun 23 % de apoio estarían as candidaturas de independentes e outros, mentres que o Fianna Fail (conservadores) terían o 20%, perdendo 5 puntos. @s laboristas (social-democracia) obterían un 9%, dous puntos máis. O Partido Laborista pagou moi duro a coligazón co Fine Gael para gobernar, habendo sondaxes que o situaban mesmo fóra do Parlamento nunhas hipotéticas eleccións.

A enquisa é de apoio a partidos, excluíndo indecisos. En canto a apoio popular dos e das líderes das diferentes formacións, só aumentan Joan Burton (laborista) e Gerry Adams (SF).

O traballo publicado en Irish Times indica que o voto ao Sinn Féin procede principalmente dos barrios e áreas de clase traballadora, e que o principal apoio á formación vén das capas sociais máis desfavorecidas (40% de respaldo) e da mocidade.