Soldados israelitas matan un ministro palestino cando plantaba oliveiras

Imaxe: RT

Abu Ain faleceu en Cisxordania mentres participaba nunha acción pacífica perto de Ramala. Algunhas testemuñas falan de que foi golpeado polos soldados mentres outras achacan a morte ao impacto de botes de gases lagrimóxenos.

 

Ziad Abu Ain, responsábel para Asuntos das Colonias e o Muro -posto con rango de ministro do Gabinete palestino- morreu en Cisxordania ocupada no que a Autoridade Nacional Palestina cualifica de acción armada das forzas armadas israelitas. Abu Ain tomaba parte na plantación de oliveiras no marco dun acto que decorría en Turmusaia, localidade próxima a Ramala.

Nun momento dado – e por causas que se están a investigar- producíronse incidentes armados nos que participaron colonos israelitas. Un fotógrafo da axencia Reuters e un médico, testemuñas dos feitos, aseguran que o ministro foi golpeado no peito cunha arma e empurrado por soldados israelitas. Porén, outras fontes din que foi un impacto dun bote de gases lagrimóxenos o que matou o ministro palestino. Embora ser trasladado con urxencia a un centro de saúde, faleceu na ambulancia.