O ex deputado Steegman abandona Vox por achegarse "ao neofalanxismo" e adoptar un discurso "antiliberal"

O deputado de Vox Juan Luis Steegmann desde a tribuna de oradores do Congreso. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press)
O tamén doutor en Medicina lembra os "ataques extramuros e intramuros, algúns terríbeis", que recibiu por defender no seu día as vacinas contra a Covid-19.

O ex deputado de Vox Juan Luis Steegmann, que foi portavoz de Sanidade durante os meses de pandemia, anunciou esta terza feira a súa baixa do partido de extrema dereita ao considerar que se está a impor unha liña "antiliberal" e "anticientífica" e que se está achegando ao "neofalanxismo" que ao seu xuízo representa o eurodeputado Jorge Buxadé. "Estas posturas fanme imposíbel votar a Vox nas próximas europeas", anunciou.

Na súa carta, adiantada por Libertad Digital e confirmada polo propio Steegmann en redes sociais, o ex deputado e doutor en Medicina lembra os "ataques extramuros e intramuros, algúns terríbeis", que recibiu por defender no seu día as vacinas contra a Covid-19 e celebra que, polo menos até o de agora, Vox non caese no discurso antivacinas.

Steegman xa estaba afastado do núcleo dirixente de Vox porque considera que o partido leva anos "prescindindo da parte máis liberal do seu programa e os seus deputados", pero os discursos que escoitou no festival Europa Viva 24 —onde o presidente arxentino, Javier Milei, cargou contra a muller de Pedro Sánchez, Begoña Gómez— levárono a tomar a decisión de romper definitivamente cos de Santiago Abascal e darse de baixa. Na súa misiva cita en concreto a Buxadé, candidato ás europeas e actual europarlamentario, ao que afea a súa orixe falanxista e o seu "insufríbel discurso, mencionando despectivamemnte as vacinas".

Ao seu xuízo, o núcleo de Vox está a deslizarse "cara a un horizonte azul mahón" —en alusión ao uniforme da Falanxe—, apostando por un "estatalismo" e un "neofalanxismo" que son, dixo, "contrarios á súa base fundacional de reducir o Estado". Tamén lles achaca unha certa "hipocrisía" e "tacticismo" por usaren Milei como "disfrace liberal dun acto maioritariamente antiliberal". Juan Luis Steegmann sostén que a súa carta é unha "mostra de lealdade" cara á dirección avisando de que están a desviar o seu camiño e apela Abascal a mudar o rumbo do partido.

Buxadé nega ser "antiliberal"

Precisamente o cabeza de lista de Vox ás europeas negou esta terza as acusacións de antiliberalismo e desdeñou as críticas de Steegman subliñando que "cada un é libre de militar e de deixar de militar" nunha formación política. "En España hai liberdade de afiliación e desafiliación, e nós defendemos unha economía liberal para os europeos", indicou Buxadé nun almorzo informativo organizado por Nueva Economía Fórum.

Tamén a portavoz de Vox, Pepa Millán, restou importancia á marcha de Steegmann, pois considera que é "unha nimiedade" co que ocorre en España e no mundo e dixo non ter nada que comentar a respecto dos afiliados que se dan de baixa ou de alta. "Cada un é moi libre de opinar o que queira e non teño que facer valoracións", afirmou, en rolda de prensa desde o Congreso. Fontes da dirección de Vox tamén restan importancia ao momento elixido por Steegmann para marchar, en plena campaña para as europeas.