Declaración perante o Supremo

Na súa estratexia de defensa os Jordis optan por se afastaren das vías rupturistas

Jordi Sánchez e Jordi Cuixart, a súa chegada á Audiencia Nacional o pasado 16 de outubro

Os Jordis -Sànchez e Cuixart- despregaron a mesma estratexia de defensa para conseguir seren postos en liberdade provisional. Na súa declaración esta quinta feira no Tribunal Supremo, perante o xuíz Llarena, marcaron distancias a respeito do guión rupturista e da unilateralidade. Llarena resolverá a próxima semana se os mantén ou non en prisión.

Os líderes soberanistas afrontan cargos por sedición, rebelión e malversación de fondos públicos. Non poucos xuristas españois  teñen manifestado que as acusacións carecen de calquera fundamento. A sedición e a rebelión só existe cando se produce un alzamento violento, segundo o código penal español. As mobilizacións xigante do soberanismo caracterizáronse por ser impecabelmente pacíficas, sen marxe nen sequer para algún episodio aillado de vandalismo. Por tanto, non habería lugar para esa imputación. E canto ao cargo de malversación, este só é aplicábel a funcionarios públicos e os Jordis, en tanto líderes de movimentos cívicos (Sànchez de ANC, Cuixart de Ómnium Cultural), non o son.

 

Aliás, a razón xurídica non ten sido tida en conta até o de agora por parte dos aparatos do Estado na aplicación dunha política puramente represiva en Catalunya. Iso é o que ten levado a que dirixentes soberanistas como Carme Forcadell -a ex presidenta do Parlament que xa ten anunciado que non repetirá no cargo- aplicasen como estratexia de defensa a de afirmar perante o Tribunal Supremo o acatamento da legalidade española, co obxectivo de conseguir a súa posta en liberdade. Non sería unha abxuración dos seus principios independentistas, senón o uso dunha estrataxema para recuperar a liberdade, perdida o pasado 16 de Outubro, día en que prestaron declaración perante a xuíza Carmen Lamela, que ditou a súa prisión provisional.

 

A razón xurídica non ten sido tida en conta até o de agora por parte dos aparatos do Estado

 

Esa é a lóxica -a de antepor a consecución da liberdade provisional perante calquera outra consideración- que permite entender as afirmacións realizadas esta quinta feira por parte de Sànchez -deputado eleito no Parlament ao comparecer nas eleccións de 21-D como número 2 de JxCat, a lista soberanista máis votada- e por Cuixart -dirixente independentista que non integrou ningunha candidatura na pasada campaña. Destarte, Jordi Sànchez tería dito ao xuíz que no caso de que se opte pola unilateralidade no próximo Parlament -a cámara catalá vaise constituír este 17 de xaneiro- el abandonaría o escano, en tanto que Cuixart tería afirmado que o único referendo válido en Catalunya será aquel que convoque o goberno español.

 

Sànchez afirmou aínda que o referendo de 1 de outubro non tivo en realidade validez legal. E tanto el como Cuixart deixaron claro que en todo momento deron instrucións para disolver a concentración que o 20 de setembro obstaculizou a saída de efectivos da garda civil da sede da Consellaría de Economía, no centro de Barcelona. De feito, as defensas dos Jordis achegaron un DVD con imaxes dos líderes soberanistas en que estes -quer sobre o teito do carro da garda civil quer sobre o palco instalado na Gran Vía- chamaban a multitude a se ir retirando.

 

En todo caso, quer Sànchez quer Cuixart reafirmaron non só os seus principios pacifistas, senón tamén a súa convicción de que o veto ao referendo do 1-O por parte do Estado constituíu un "ataque á democracia".

 

Joaquim Forn

 

Canda os Jordis tamén prestou declaración perante o xuíz Llarena Joaquim Forn, ex conseller de Interior e deputado eleito de JxCat -encarcerado neste momento na mesma cadea en que está recluido Oriol Junqueras. Forn tamén se apuntou á mesma estratexia defensiva. Negou a pasividade dos Mossos durante o 1-O e afirmou que a partir de agora loitará pola independencia de Catalunya dentro do marco legal decorrente da Constitución española de 1978.