Suíza aproba restrinxir a inmigración europea no seu mercado laboral

Cartaz SVP

Todos os partidos e sindicatos pedían o voto contrario á iniciativa da dereitista SVP de limitar a inmigración europea a Suíza, un país onde o paro non chega ao 4%. Mais o 50,3% dos suízos votaron a favor da proposta populista. ''Temos un problema'' recoñecen as autoridades. Neste pequeno país viven 40.000 galegos.

Suíza limitará a inmigración europea. Este domingo as e os suízos aprobaron en referendo limitar a entrada de cidadáns de estados da UE no seu mercado laboral, nunha decisión que supón rachar os acordos vixentes desde o 2002 sobre libre circulación no espazo europeo.

A SVP fala de parar "a inmigración masiva" e responsabilizar á inmigración da queda de salarios e falla de vivenda

Foi por unha marxe pequena, pero foi. O 50,3% dos suízos votaron a favor de estabelecer cotas que limiten esa entrada de persoas para traballar. Un 49,6% opúxose. Na consulta tomaron parte o 56% do censo. A iniciativa do SVP prevé introducir cotas de inmigrantes polo goberno e mesmo limitar o reagrupamento familiar. Todo sexa para frear “a inmigración masiva” (que era do que se falaba textualmente na iniciativa do SVP).

Contra o SVP estiveron todos os outros partidos, os sindicatos e organizacións cívicas. E perderon. Unha dereita populista, dura e raiando na extrema-dereita vence a todas as formacións tradicionais (de dereita, de centro, e de esquerda).

En Suíza viven por volta de 40.000 galegos. Cun 23& de inmigrantes nunha poboación de oito millóns de habitantes, a idea de que os estranxeiros que chegaron nos últimos anos son responsábeis de copra empregos, de que caian os salarios, de que haxa escasez de vivenda... callou nunha parte importante da sociedade.Mais este resultado prodúcese nunha situación económica envexábel en Suíza: o paro non chega ao 4%.

O conselleiro nacional do SVP Yves Nidegger afirmou que este resultado “mostra que Suíza ten problemas coa súa inmigración”.