Suráfrica insta a actuar a Xustiza internacional ante o asalto a Rafah

Persoas palestinas asasinadas por Israel. (Foto: Omar Ashtawy / Zuma Press / ContactoPhoto)
Reunión no Cairo para abordar unha proposta dun alto o fogo

Suráfrica, que efectuou a denuncia contra Israel por xenocidio ao pobo palestino de Gaza que levou a Corte Internacional de Xustiza (CIX) a sentenciar que o Goberno de extrema dereita sionista ten que garantir que non se produza, presentou hoxe unha “petición urxente” ao órgano da Organización das Nacións Unidas (ONU) para que analice se o anunciado asalto israelí contra Rafah, no sur de Gaza, “require que o tribunal use os seus poderes para evitar unha maior violación inminente dos dereitos dos palestinos” no territorio.

O ataque á localidade, na que se concentran máis da metade dos 2,3 millóns de habitantes da Faixa tras fuxir dos bombardeos indiscriminados e do intento de invasión sionista, “causará un maior número de mortos, danos e destrución”, apunta Suráfrica.

Violación das leis internacionais sobre xenocidio

En paralelo, resolve que implicaría “unha grave e irreparábel violación da Convención de Xenocidio” e do veredicto anterior da CIX.

Amais da ONU, até os principais aliados israelís advertiron das consecuencias do ataque a unha área na que se desenvolve unha crise humanitaria masiva, tanto polos bombardeos como polo asedio israelí, que impide a chegada da axuda humanitaria que precisa a poboación.

Arredor de 28.500 palestinas e palestinos foron asasinados en Gaza desde outubro pola agresión militar israelí, arredor da metade nenas e nenos.

Proposta de alto o fogo

Xa no Cairo, a capital de Exipto, decorreu unha xuntanza con representantes estadounidenses, israelís, qatarís e exipcios para debater unha proposta que inclúe un cesamento de hostilidades no territorio palestino que estaría vinculado ao intercambio de persoas israelís detidas en Gaza por palestinas detidas en Israel.