A abstención no horizonte

Susana Díaz antepón a formación do goberno no Estado ao congreso que propón Sánchez

Susana Díaz, esta quinta feira

“Primeiro hai que lle dar un goberno a este País e logo abrir un debate profundo no PSOE”, dixo a líder do PSOE andaluz, a cabeza visíbel da rebelión face Pedro Sánchez.

A tese de Díaz é que o PSOE non pode tentar encabezar un goberno alternativo cun grupo parlamentar de apenas 85 escanos. A dirixente andaluza é contraria a todo acordo que envolva quer Podemos quer as formacións soberanistas catalás.

Ao non querer tampouco ir a terceiras eleccións, a única opción que fica por diante é viabilizar a investidura de Rajoy, mais a líder do sector crítico en ningún caso fixo unha defensa explícita da abstención.

Díaz reuniu esta quinta feira os seus fieis -a dirección do partido en Andalucía- e acto seguido, e perante unha enorme expectación xornalística, compareceu perante os meios para avaliar a situación criada após o golpe de man perpetrado onte polo sector crítico que ela dirixe.

A presidenta do goberno andaluz en todo momento deu por amortizada a época de Pedro Sánchez ao fronte da secretaría xeral

A presidenta do goberno andaluz en todo momento deu por amortizada a época de Pedro Sánchez ao fronte da secretaría xeral. “Non quero que ninguén fale de bandos. No PSOE non hai bandos, nen o PSOE é unha banda. É un grande partido”, dixo nunha clara alusión a Sánchez, que esta cuarta feira a instou a esclarecer se ela, como Felipe González, fai parte da “banda da abstención”.

Díaz desaproveitou a oportunidade de o esclarecer, se ben todos os pasos que está a dar -e desde logo a prioridade da investidura sobre o congreso- indica que a súa posición é exactamente a mesma que a de Felipe González.

Aliás, admitiu que non gosta de “nengunha” das opcións que existen para desbloquear a investidura. 

Díaz moveuse estritamente no argumentario dos críticos e esforzouse por situar a orixe da crise non nas manobras ou intrigas coa investidura como pano de fondo, senón nos maos resultados colleitados pola marca socialista desde que Sánchez é o seu cartaz.

“Temos un problema e é a cadeia de derrotas, como consecuencia que desconectamos da sociedade”, analisou.