Tamén nós descarrilamos

Dó na estación de Ferrol. Foto: Suso Pazos

As primeiras noticias do accidente ferroviario en Compostela chegaron aos galegos de fóra da península pola rede ou polas canles locais. Moitos chamaron ás familias da terra para saber dos seus, mentres outros se enganchaban nas redes sociais ata a madrugada. O sinal internacional da TVG que non da resposta e a cidadanía indómita que se informa de todos os xeitos.

 

Nunha canle de noticias da Arxentina. No whatsapp dun móbil en Gales. Nun correo electrónico a Alemaña. Nas voces que saen da televisión mentres se fai outra cousa. Os galegos espallados polo mundo viviron e padeceron o accidente de Angrois coa mesma expectación co resto dos cidadáns pero diante dunha canle internacional da Televisión de Galicia (TVG) que non soubo ou non quixo darlles unha resposta.

Arxentina

“Alguén pode avisarlles aos programadores da TVG internacional que Galiza está de loito?”, pregúntase e denuncia ao mesmo tempo a contable galego-arxentina Gabriela Sande. Non se dirá dela que non ten compromiso coas institucións galegas: televidente diaria desa sinal, escolleu para as súas fillas a formación do Instituto Santiago Apóstolo da cidade de Bos Aires (escola de educación galega e de pago) e forma parte de varios colectivos vencellados á cultura da Galiza.

Gabriela Sande, galego-arxentina: "Alguén pode avisarlles aos programadores da TVG internacional que Galiza está de loito?”

Comparte o punto de vista a tradutora pública Estela Domínguez Rivarossa tamén dende Arxentina, onde o Censo electoral de galegos residentes no estranxeiro a 20 de novembro de 2011 apunta 135 mil cidadáns: “Exactamente falaba diso onte. Vaia desubicación! Precisamente cando un pensa que pode informarse ben e que a televisión vaise converter nun instrumento útil... Deberían multalos mais non for por insensibles”.

Ambas as dúas galegas se viron forzadas a buscar por elas mesmas a información dende o mércores. E nesa procura, internet fixo a diferencia.

“Deixara a televisión conectada e xa subindo polas escaleiras dinme de conta que algo grave pasaba na Galiza: escoitábanse voces e choros desconsolados”, lembra agora Sande que, inmediatamente, contactou cos amigos de alá. “Mandei mensaxes polo facebook para saber dos porteños que están alá por estes días e que son unha marea por mor dos campamentos e das escolas e das vacacións”, engade. Todos eles estaban ben.

Francisco Castiñeira: "Os medios alemáns están a se facer eco da traxedia"

Cymru (Gales)

Do outro lado do Atlántico, en Gales, a profesora Anxeles Torres, lectora de galego na Universidade de Bangor, rematara a cea e dáballe o peito á súa filla de tres semanas cando recibui un whatsapp no móbil dunhas amigas que falaban dun accidente en Galicia. “Como non entendía moi ben que estaba a pasares, conecteime a internet”, di agora. Primeiro foi ás redes sociais e despois aos medios galegos como praza ou RTVG. “Tamén busquei outros medios nacionais como a radio, na Cadena Ser”, engade. No Reino Unido viven algo máis de 10 mil galegos.

Alemaña

Francisco Castiñeira é escritor e vive en Alemania coma outros 13 mil galegos censados como tales. Estaba por ir para a cama na noite do mércores cando unha mensaxe chamoulle a atención: “Vin un correo electrónico do meu pai. Por varios medios de internet vin axiña a magnitude da traxedia, aínda moi recente”, conta. Sen deitarse xa, a pantalla do ordenador encheuse de xornais galegos e españois, e tamén redes sociais, especialmente Twitter. “Os medios alemáns tamén se están a facer eco do acontecido”, apunta.

Pola súa banda, Ines Martinez non daba chegado á casa: “ía volvendo do traballo e escoitei pola radio a noticia. Foi chegar á casa e meterme no chat coa miña familia para saber alguén estaba viaxando nese tren porque, ainda que a nosa "base de operacións" está en Ourense, é certo que estamos moi espallados por toda España”, apunta e compón unha primeira persoa do plural achegada máis alá dos quilómetros. Un sentir compartido.

Pasan os días e os mortos van tendo nome e apelido. Tamén os feridos e os supervivintes. Ningún destes galegos diaspóricos perdeu a alguén da familia. A piques estivo o curmán desta xornalista que, ainda que vai moito a Santiago nese tren, o mércores quixo escapar das multitudes. E escapou tamén da morte.

Estación Once

“Logo de confirmar que desta o rabo de demo non petou a nosa porta, debo de recoñecer que tiven un senso de tristura, e pel de galiña, así como foi o día do Sarmiento aquí na Estación Once. Daquela o namorado da miña filla salvouse por puntiños por quedarse durmindo de máis e toma-lo tren seguinte”, apunta Inés Martínez sobre un descarrilamento moi similar na estaciòn de Once da capital arxentina ocorrido o mércores 22 de febreiro de 2012 ás 8:33 e que deixou 51 persoas mortas.

As desfeitas deixan pegadas inesquecibles e a da Estación de Once apareceu tamén na memoria de Gabriela Sande: “Sentín moita tristeza e gañas de apertar ás miñas amigas de Compostela. Todo o tempo sentía que estaba revivindo a “traxedia de Once” e aquela frase “a corrupción mata” volvíame á cabeza unha e outra vez…”.

“Supoño que non será moi diferente ao que se vive e se sente pola Arxentina, e na mesma Galicia”, di Fran Castiñeira dende Alemania cando explica como estan:”Consternación, tristura, impotencia, carraxe. Da xente de alá aprecei os mesmos sentimentos. Todos salientan a colaboración, mesmo a heroicidade, dos servizos de rescate e dos voluntarios de a pé”, engade.

Impotencia

E ten razón o escritor, os padeceres son os mesmos: “O certo é que me sentía moi impotente, e pensaba ás veces que estiven sentada nun tren e parada na estación de Santiago, e sentíame moi triste por non poder celebrar coa miña pequecha o seu primeiro 25 de xullo con ledicia. Pensaba nas familias, nos amigos, mais ao mesmo tempo sentíame tan afortunada de pertencer a un pobo tan solidario, tan xeneroso e cun corazón tan inmenso... “, apunta a profesora desde Bangor.

Ines Martinez, en Bos Aires, pensa que é certo iso de que "ninguén morre na véspera". Con todo, engade unha reflexión, se cadra tamén compartida en toda a Galiza -a peninsular e a mundial tamén-: “Sendo que isto xa pasoú varias veces, entón cómpre facer os deberiños e que non volva a pasar porque non estamos a analizar un erro, senón que estamos a lametar vidas, e iso non se merca no super”, conclúe.

Foto: Dó na estación de Ferrol, de Suso Pazos