A tensión medra a cada momento: Erdogan di que podería intervir contra Israel, que dá permiso ao Exército para atacar o Líbano

O presidente de Turquía, Recep Tayyip Erdogan, este domingo (Foto: Presidencia de Turquía).
A tensión medra en todas as frontes e todo apunta a que o escenario podería seguir escalando nas próximas horas.

A tensión en Oriente Medio medra a cada momento. O presidente turco, Recep Tayyip Erdogan, asegurou este domingo que Turquía podería intervir contra Israel “igual que entramos en Karabaj ou Libia”.

“Debemos ser moi fortes para que Israel non poida facerlle estas cousas a Palestina, igual que entramos en Karabaj ou Libia, faremos o mesmo con eles”, apuntou durante un acto do seu partido na rexión de Rize, recolle o xornal Haberler.

“Non hai nada que nos impida facelo. Só temos que ser o bastante fortes para dar estes pasos”, argumentou ante seguidores e seguidoras do Partido Xustiza e Desenvolvemento (AKP) nun escenario que crecentes tensións en Oriente Medio.

Durante a súa intervención asegurou que invitaron ao presidente da Autoridade Palestina, Mahmud Abbas, a falar antes o Parlamento turco, mais que non puido aceptar a invitación. “Quen di que non está aberto o Parlamento? O Parlamento está aberto a calquera que estea no camiño da rectitude”, subliñou Erdogan.

Pola súa parte, o ministro de Asuntos Exteriores israelí, Israel Katz, reaccionou ás palabras de Erdogan comparándoo co ex presidente de Iraq, Sadam Huseín. “Erdogan está indo polo camiño de Sadam Huseín e ameaza con atacar Israel. Debería recordar o que pasou alí e como rematou iso”, afirmou.

Gabinete de Seguridade de Israel

As palabras do presidente de Turquía déronse pouco tempo despois do comezo dunha reunión do Gabinete de Defensa de Israel para abordar a resposta ao ataque do sábado contra os Altos do Golán, territorio sirio baixo ocupación israelí, que provocaron a morte de 12 persoas.

O Gabinete deu autorización ás Forzas Armadas israelís para realizar operacións en territorio do Líbano en resposta polos ataques do sábado sobre os Altos do Golán. Xa anteriormente, avións do Exército de Israel atacaron múltiples localidades do sur do Líbano, alegando a presenza de “obxectivos terroristas” de Hezbolá, a quen Israel atribúe a autoría do ataque do sábado.

Aos bombardeos sobre o Líbano, que tiveron lugar durante toda a xornada do domingo incluso antes do reunión do Gabinete de Defensa de Israel, Hezbolá contestou lanzando varios proxectís sobre as localidades israelís de Manara e Shtula. A tensión medra en todas as frontes e todo apunta a que o escenario podería seguir escalando nas próximas horas.