Análise

Terrorismo americano contra Europa

Os Estados Unidos levarán Europa a un novo Plan Marshall que estimule e faga crecer de novo a economía estadounidense. (Ilustración: Álex Rozados)
Ramón Grosfoguel, profesor da Universidade de California en Berkeley, analiza para 'Nós Diario' o avance da guerra de Ucraína.

Os Estados Unidos queren destruír a economía europea eliminando a súa dependencia do gas e do petróleo ruso barato para substituílo por fontes de enerxía carísimas de compañías estadounidenses e así non só enriquecer as súas transnacionais senón tamén levar á bancarrota as industrias europeas, especialmente as alemás, debido aos altos custos da enerxía importada desde os Estados Unidos. Están facendo o mesmo co aluminio, o trigo e moitos outros produtos importados desde Rusia.

Miles de empresas están fechando en toda Europa debido aos altos custos enerxéticos. O paro de centos de miles de europeos deixarase sentir con forza nestes meses. Ademais, millóns de europeos terán que pagar caros os gastos de calefacción ou morrer conxelados. Así, os Estados Unidos recuperan a súa supremacía económica sobre Europa, eliminan a competencia de Alemaña, Rusia e China e subordinan económica, política e militarmente toda a Unión Europea como protectorado colonial. Trátase da "puertorriqueñización" da Unión Europea.

Os actos terroristas acontecidos hai dúas semanas contra os gasodutos Nord Stream 1 e Nord Stream 2 teñen toda a pinta de ter o selo estadounidense. Con todo, acusan Rusia, coma se fósemos parvos e crésemos que Rusia ía voar en anacos os seus propios gasodutos cando 1) o interese ruso é tombar as sancións e seguir vendendo o seu gas a Alemaña e a toda Europa e 2) como se non soubésemos que se realmente a Rusia lle interesase cortar o gasoduto, non lle faría falta destruílo, todo o que ten que facer é fechar a chave de paso desde Moscova.

Pero hai máis:

1.— O mar Báltico é unha zona esaxeradamente custodiada e controlada pola OTAN, sobre todo en tempos de guerra contra Rusia. Resulta imposíbel para os rusos entrar nesa zona para sabotar os gasodutos.
2.— Uns días antes dos atentados producíronse manobras militares estadounidenses xusto no lugar onde tivo lugar a sabotaxe.
3.— Os líderes estadounidenses andan todos dicindo que hai que eliminar a dependencia europea da enerxía rusa e substituíla por fontes de enerxía importadas de Norte América chamando a impedir a construción do Nord Stream 2: Condoleeza Rice en 2014, Donald Trump e Mike Pompeo en 2018 (lembremos que sancionaron as empresas alemás implicadas na construción de Nord Stream 2), e Anthony Blinken en 2021.
4.— O pasado mes de febreiro, antes da intervención rusa en Ucraína, Biden ameazou con acabar co Nord Stream 2 se Rusia invadía Ucraína. Preguntado por un xornalista sobre como o ía facer, porque o Nord Stream 2 está controlado por Alemaña, Biden respondeu: "Prométolle que seremos capaces facelo".
5.—A sabotaxe terrorista tivo lugar o mesmo día que se abriu o gasoduto Baltic Pipe, que trae gas natural de Noruega e Dinamarca e gas licuado dos Estados Unidos. Que casualidade que ese mesmo día se producisen explosións que desactivaron a competencia rusa, é dicir, o Nord Stream 1 e o Nord Stream 2!
6.— E por que destruír o Nord Stream neste momento? Porque Alemaña segue comprando gas a Rusia. É máis, coa chegada do frío do inverno, recentemente comezaron as conversacións entre Alemaña e outros países da Unión Europea con Rusia para aumentar as vendas de gas. Os Estados Unidos puxeron o grito no ceo dicindo que sería unha violación das sancións impostas contra ese país.
7.—Destruíndo as industrias alemás, que son o corazón da economía europea, cos altos custos enerxéticos que reciben de Estados Unidos, Noruega e Dinamarca, os Estados Unidos levarán Europa a un novo Plan Marshall que estimule e faga crecer de novo a economía estadounidense.

Mentres Europa siga na OTAN, os intereses xeopolíticos e económicos dos EUA serán privilexiados sobre os intereses europeos. Abolir ou saír da OTAN e recuperar a soberanía perdida sobre o imperio estadounidense constitúe a única salvación de Europa fronte ao seu inminente declive e destrución. Europeos, abran os ollos, que nuns meses será demasiado tarde!