Nace The National, o diario independentista escocés

O proxecto xornalístico arrinca cunha tiraxe de 50 mil exemplares e un prezo de 50 peniques. 

 

Escocia contará a partir da segunda feira 24 de novembro cunha nova publicación informativa. O rotativo The National irrompe no abano de xornais que se editan e comercializan en Escocia para introducir a perspectiva independentista na imprensa. 

Así, a lenda que acompaña a cabeceira di: 'o xornal que apoia unha Escocia independente'. Até o de agora enceta como un proxecto pilito mais cunha tiraxe de 50 mil exemplares ao día por un prezo de 50 peniques e 32 páxinas. 

"O lanzamento de The National é a resposta a unha demanda dos leitores" que pedían "un diario" independentista, afirma Malcolm MacDonald, director de circulación do Herald e Times nunha carta enviada @s subscritor@s e The National, segundo recolle The Guardian.

Sairá o 24 de novembro con 32 páxinas, 50 mil exemplares e un prezo de 50 centavos
 

"Un bon negocio"

O grupo que edita Sunday Herald --unha subsidiaria da empresa informativa norte-americana Gannett-- asegura que embora ser un piloto, continuará publicándose se a resposta da comunidade leitora é positiva. Neste senso, salientan que "o momento é bon" pois "o SNP acaba de ultrapasar os 80 mil militantes e Nicola Sturgeon vén de ser eleita a primeira muller premier". O que suporía, para o grupo editorial, "unha onda de interese" cara ao independentismo escocés. 

Aliás, a imprensa en papel colleitou grandes cifras de vendas durante a campaña do referendo de autodeterminación incrementándose nun 111% a súa comercialización. "Mesmo como un piloto, é un grande negocio", aseguran. 

O seu director é Richard Walker, tamén editor de Sunday Herald, o único xornal cunha posición independentista durante a campaña do 18-S.