O Tribunal de Contas español recoñece que a xestión privada de servizos públicos é un 71% máis cara

[Imaxe de arquivo]

Así o recolle no seu último informe, onde analiza os custos da recollida do lixo cando é xestionada directamente polos concellos ou cando a concesionaria é privada. Dos 16,23 euros por habitante cando o servizo é público aos perto de 28 cando o realiza unha privada.


A xestión de residuos e a recollida de lixo xestionada por empresas privadas é un 71% máis cara. Sinálao o Tribunal de Contas español no último informe que presentou, onde analiza o custo destes servizos para os comparar con aqueloutros onde a adxudicataria é a propia administración local, os concellos.

Así, dos 16,23 euros por habitante que desembolsa o goberno municipal para se facer cargo da limpeza das rúas, o gasto ascende até os 27,83 euros por habitante se ten que pagar unha entidade privada para que corra coa xestión. Son estes os dados promedio. Porén, nas grandes cidades esta última cifra sobe até alcanzar nalgúns casos os 32 euros por habitante.

As conclusións do organismo español non rematar aquí. A xestión pública dos servizos non só é máis barata senón que tamén é de mellor calidade, recoñece o Tribunal de Contas. No rural e nas localidades pequenas é a xestión pública a que garante o mantemento de 36 papeleiras por cada cen habitantes, namentres a xestión privada só garante seis. 

Recollida de residuos sólidos

De novo a xestión directa por parte da administración local é a que sae máis á conta para o erario público ao custar 42,55 euros por habitante, fronte aos 53,90 que levarían as mans privadas. Canto maior é a localidade máis barato é o servizo, mais namentres a xestión pública baixa para os 37,54 euros, o servizo privatizado mantense nos 52,33 por habitante.

Estas diferencias na calidade e nas cantidades que agora demostra de maneira oficial o Tribunal de Contas español levara xa a algunhas cidades do Estado, coma a de León, a recuperar para a xestión pública a recollida de residuos e a limpeza, obtendo desta maneira un aforro de perto de oito millóns de euros a respeito do que lle custaba ao concello o servizo privatizado.