Trump acusa Biden e Harris de "provocar" coa súa retórica o intento de asasinato en Florida

O sospeitoso, R.W. Routh. (Foto: Oficina do shériff do condado de Martin / Zuma Press / CONT)
Routh non chegou a disparar en ningún momento.

Tras sufrir o que a Axencia Federal de Investigación (FBI) sinalou que “semella ser un intento de asasinato”, o ex presidente estadounidense e candidato republicano á Casa Branca, Donald Trump, asegurou na madrugada da terza feira que o sospeitoso, o xa detido Ryan Wesley Routh, “creu na retórica” do mandatario Joe Biden e da vicepresidenta e candidata demócrata, Kamala Harris, e “actuou en consecuencia”, en alusión as afirmacións de ambas as dúas de que é unha ameaza para a democracia.

A súa retórica está a provocar que me disparen, cando son eu quen vai salvar o país e eles son os que están destruíndo o país, tanto desde dentro como desde fóra”, reiterou o republicano, que nas redes sociais fixo énfase en que foi atacado por motivos políticos e culpou a esquerda, referíndose ao Partido Demócrata, por “levar a política no noso país a un nivel completamente novo de odio, abuso e desconfianza” que “só empeorará”.

O seu candidato á Vicepresidencia, o senador James David Vance, subliñou que os demócratas non poden acusar Trump de ser unha “ameaza á democracia” e un “fascista” e agardar que non desemboque en violencia.

Horas antes fora a líder da campaña de Harris, Julie Chávez, quen culpara Trump pola súa retórica contra as persoas migrantes, que “ten consecuencias reais”.

Ao respecto do intento de asasinato nun club de golf en Florida, o director provisorio do Servizo Secreto, Ronald Rowe, informou de que o detido “non disparou nin chegou a abrir fogo”. Con anterioridade transcendera que o móbil de Routh estivo até doce horas no lugar antes da súa detención.

Arredor do operativo de seguridade Rowe explicou que “non se supuña que o presidente fose ir alí” posto que “non estaba na súa axenda oficial”, motivo polo que non foi inspeccionado todo o club antes da chegada de Trump, destacando que “preparamos un plan de seguridade e o plan de seguridade funcionou”. Tamén incidiu en que Routh non tiña “liña de visión” con Trump cando a súa presenza foi advertida.

“2024 estase a desenvolver dunha maneira caótica e espantosa”, aseverou Douglas Brinkley, historiador da Universidade Rice, que remarcou que este último ataque, “profundamente problemático”, engádese a un ano que creou “unha especie de incerteza en todo o país”.

Despois do primeiro intento de asasinato contra Trump en xullo produciuse a renuncia á candidatura na que optaba á reelección Biden, substituído finalmente como candidato demócrata por Harris.