Trump ameaza con "medidas económicas fortes e rápidas" se Maduro convoca a asemblea constituínte

Donald Trump

O presidente dos EUA non demorou en tomar partido na situación venezuelana. E fíxoo acarón da direita, nun momento especialmente delicado do país con mobilizacións xigantes quer por parte do movimiento bolivariano quer por parte da oposición. Trump ameaza con sancións económicas se Caracas fai as eleccións á asemblea constituínte axendadas para o 30X. Mentres, a MUD (o partido da direita) chama a unha greve xeral esta quinta feira.

"Estados Unidos non ficará a ollar como Venezuela desmorona. Se o réxime de Maduro impón a súa Asemblea Constituínte a 30 de xullo, Estados Unidos tomará medidas económicas fortes e rápidos", dixo o líder da única superpotencia mundial, sen especificar o contido das eventuais sancións a Caracas.

 

Nun comunicado pendurado na web da Casa Branca, Trump felicitouse pola mobilización da oposición no simulacro de referendo realizado o domingo e cualificou Maduro de "mal líder que soña con se converter nun ditador".

 

E mentres tanto, a oposición direitista deita máis achas no lume. A Mesa da Unidade Democrática (MUD) convoca greve xeral para esta quinta feira, unha nova medida de presión destinada a facer retroceder a convocatoria por parte de Maduro da asemblea constituínte.