Trump intenta evitar a publicación dun libro con polémicas revelacións
O Goberno de Donald Trump interpuxo nas últimas horas unha orde de urxencia coa que pretende que a xustiza dos EUA bloquee a publicación do libro do seu ex asesor de seguridade nacional John Bolton, co argumento de que contén material clasificado e que se estaría violando ademais un acordo de confidencialidade.
O Departamento de Xustiza solicitou ao xuíz encargado do caso, Royce Lamberth, que tamén debe impedir a distribución por parte da editorial, Simon&Schuster, e das librerías.
O volume, titulado The room where it happened: a White House memory (A habitación onde sucedeu: unha memoria da Casa Branca), ten previsto saír do prelo o 23 de xuño
Polo seu lado, o avogado de Bolton, Charles Cooper, manifestou que o libro do cliente del non contén ningún material clasificado e que o ex asesor traballou co Consello de Seguridade Nacional desde decembro para examinar o manuscrito.
Afirmacións controvertidas
No manuscrito do libro obtido pola cadea de televisión CNN, Bolton relata que nunha reunión da Cimeira do G-20 en Osaka de 2019, Trump dirixiu a conversa cara ás eleccións estadounidenses, aludindo á "capacidade económica da China para afectar as campañas en curso, rogando a Xi [Jinping, presidente chinés] que se asegurase de que [Trump] gañase".
Bolton tamén atribúe a Trump outra serie de afirmacións como, por exemplo, que tería afirmado que invadir Venezuela sería "xenial" (cool, na palabra orixinal) e que o país sudamericano é "en realidade, parte dos Estados Unidos".
Trump tamén tería manifestado a súa disposición a deter investigacións xudiciais para "facer favores persoais a ditadores dos que gosta".
Ademais, Bolton sinala que todas as accións tomadas por Trump estaban orientadas unicamente a lograr a reelección.