Trump ve a UE como un "vehículo de Alemaña" e profetiza que outros países emularán o Brexit

Nunha entrevista colectiva para meios internacionais, como o The Times británico ou o Bild alemán, o presidente eleito advogou por un tratado de libre comercio dos EUA co Reino Unido.

Colocar o Reino Unido aínda máis na esfera de influencia dos EUA semella ser un dos obxectivos básicos da política exterior de Donald Trump, nas vésperas de, o vindeiro 20X, tomar posesión efectiva como presidente.

"Olla para a UE, é Alemaña. Basicamente un vehículo de Alemaña. Daí que penso que o Reino Unido foi moi intelixente ao optar polo Brexit", dixo Trump.

O feito de a Unión Europea estar ao servizo dos intereses alemáns fará, segundo o presidente eleito dos EUA, que nos próximos tempos "outros países" acompañen os pasos de Alemaña.

Os EUA oferécense ao Reino Unido como parella de baile alternativa á UE e nese sentido Trump defende o estabelecimento no prazo máis breve posíbel dunha área de libre comercio entre os dous países.

O seu discurso crítico con Alemaña levouno tamén a advertir á potencia xermánica que se deslocaliza fábricas de BMW a México el imporá aranceis por volta de 35 por cento á importación dos carros que nelas se produzan.

E Rusia? Pois non se moveu da súa liña tradicional e postulou un acordo con Moscova visando a redución do arsenal nuclear de ambas potencias, ao tempo que se mostrou partidario de acadar unha entente con Putin que eventualmente poda levar a que Washington levante as sancións que pesan sobre o xigante eslavo desde a anexión de Crimea.